Carnota prepara un fermoso programa de rutas de sendeirismo
De aquí a xuño, o Concello de Carnota organiza unha serie de rutas de sendeirismo. Todas as rutas son de balde e iniciaranse as 9:30 da mañá. O tempo estimado para a súa realización é de 3:30 horas e a dificultade é media-alta.
Para inscribirte ou consultar máis información pódelo facer chamando ao Departamento de Cultura, Turismo e Deportes do Concello de Carnota (981857032) ou enviando un email a [email protected].
A primeira das rutas propostas é unha ruta circular que une as parroquias de Lira e Lariño a través da Senda Verde, situada a unha cota dos 200 metros sobre o nivel do mar, e a Senda Azul, pola liña de costa. Esta combinación fai que se poida desfrutar de mar e monte en apenas uns metros e terá lugar o 25 de abril.
A segunda ruta é, sen dúbida, unha das máis demandas, a subida ao Monte Pindo dende O Fieiro. A cita terá lugar o próximo sábado, día 12 de outubro.
O 23 de maio está prevista a ruta dos muíños de Vadebois e Panchés, cuxo percorrido discorrerá pola ladeira sur do Monte Pindo, pasando polos muíños do rego de Amil e polos muíños de Panchés e A Curra, algúns dos cales foron restaurados, mentres que outros moitos permanecen en ruínas.
O itinerario da cuarta das rutas é polo Museo Arqueolóxico Aberto de Carnota. Nela poderanse ver algúns dos xacementos que forman parte de museo, ao mesmo tempo que se poderá desfrutar das fermosas vistas da Praia de Carnota e do Monte Pindo. Esta ruta terá lugar o 6 de xuño.
Por último, o 20 de xuño, levarase a cabo a ruta das Casetas de Caldebarcos. A ruta transcorre pola liña de costa de Caldebarcos, onde se poden apreciar distintos exemplos de arquitectura popular mariñeira, como as casetas de pescadores ou as antigas fábricas de salgadura.