Carnota xa loce a exposición de Castelao
O Centro Sociocultural do Viso, acolle xa ata o vindeiro 23 de marzo a exposición «Castelao grafista (facsímile)». Afundación, a Obra Social de ABANCA, o Concello de Carnota e ABANCA inauguraban onte esta singular mostra, incluída en «Corrente cultural», un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación.
A exposición descobre evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.
Esta mostra enmárcase no programa social «Cultura por alimentos», que anima o público visitante a realizar a súa visita achegando alimentos non perecedoiros, que serán destinados ao banco de alimentos local.
«Castelao grafista (facsímile)» permanecerá aberta ata o vindeiro 23 de marzo e poderase visitar de luns a venres de 16.00 a 20.00 horas e mércores de 10.00 a 14.00 horas.