Domingo. 28.04.2024
El tiempo

O Concello de Carnota conmemora o Día de Rosalía lembrando #oamordapatriagalega

Cartel_Rosalía_Carnota_24
O Concello de Carnota conmemora o Día de Rosalía lembrando #oamordapatriagalega

O 23 de febreiro é o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a escritora máis universal de Galicia, precursora da literatura galega e do pensamento feminista. 

Como cada ano, o Concello de Carnota únese á campaña promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) arredor do Día de Rosalía, que nesta edición leva por lema #oamordapatriagalega. E faino cun programa desenvolto polo Servizo de Normalización Lingüística do agrupamento dos concellos de Carnota e Mazaricos, que conta co financiamento da Deputación Provincial da Coruña.

Venres 23 de febreiro

Lectura pública da obra de Rosalía aberta á participación da veciñanza, con música en vivo e poemas cantados na voz de Adhara Caamaño, A Cuncheira de Sofán.

Colaboran neste acto, ademais de Adhara, o IES Lamas de Castelo, coa participación dunha representación do alumando e do profesorado, e mais a Asociación Son Lilá, cuxas representantes realizarán tamén cadansúa lectura.

O evento terá lugar no salón de actos do Concello de Carnota ás 11:00 h. Quen desexe participar, pode achegarse ao lugar e elixir entre os textos dispoñibles para a lectura.

Sábado 24 de febreiro

“Unha rosa cada día. Xogando con Rosalía”. Contacontos con monicreques para público familiar, a cargo de Carmen Domech, que achegará a poesía de Rosalía ás crianzas.

O espectáculo está recomendado para nenas e nenos dende os 2 anos e terá lugar no salón de actos do Concello de Carnota ás 17:30 h. A entrada é libre e de balde.

Comentarios