mércores. 26.03.2025
El tiempo

Falece o concelleiro carnotán Euloxio Franco

Falece o concelleiro carnotán Euloxio Franco

Carnota amencía onte consternada pola morte dun dos seus veciños máis queridos e socialmente activos, o concelleiro do BNG de Carnota, Euloxio Franco Barba, con só 55 anos.

Euloxio marchou de xeito repentino, despois dun tempo aqueixado de problemas de saúde. Euloxio deixa muller, dous fillos, e acababa de ver nacer o seu primeiro neto.

Da diáspora á vida políica local

Hai poucos anos Euloxio viña de instalarse de novo en Carnota coa súa familia, despois dunha longa etapa emigrado en Euskadi, onde participou moi activamente no Centro Galego de Barakaldo e tamén mantivo unha activa vida política, cultural e sindical, a través da asemblea do BNG na emigración basca e chegando a presidir o sindicato de transportes de Euskadi.

Cando por fin viu a ocasión de retornar a Carnota, Euloxio estabeleceu axiña contacto co BNG da localidade, destacándose en pouco tempo como un dos militantes máis comprometidos e activos. Non só no seo do BNG carnotán senón tamén coa Asociación Monte Pindo Parque Natural.

No político, Euloxio foi elixido no 2007 para encabezar a candidatura do BNG de Carnota na terceira praza, e que alcanzou abondo respaldo veciñal para obter a acta de concelleiro. Por iso mereceu renovar a confianza da Asemblea local do BNG, que o acababa de designar para recuncar na 3ª praza da candidatura nacionalista, obxectivo que desgrazadamente se acaba de ver truncado.

Dende o BNG afirman consternados: "O corpo de Euloxio morriu hoxe, pero a súa forza seguirá por sempre viva na súa familia, nos seus compañeiros e nos seus veciños, que xa o botamos terribelmente de menos. Descansa en paz, compañeiro".

Fonte

Comentarios