Domingo. 08.09.2024
El tiempo

Lira acolle a presentación da obra máis feminista de Luisa Villalta da man da fotógrafa costeira Maribel Longueira

Maribel Longueira no Papagaio
Maribel Longueira no novo Papagaio lendo o libro Papagaio. Foto: XornaldaCoruña
Lira acolle a presentación da obra máis feminista de Luisa Villalta da man da fotógrafa costeira Maribel Longueira

«Papagaio» é unha das obras máis auténticas, críticas e con maior compromiso feminista de Luísa Villalta. Este ano, co gallo do Día das Letras Galegas, volveu ás librarías da man da editorial Kalandraka cunha edición renovada na que os versos da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas acompañan as fotografías de Maribel Longueira, unha recoñecida artista plástica vencellada á Costa da Morte.

Maribel quere presentar tamén a obra na comarca e o fará no local da Asociación Cultural Canle, na Lonxa Vella de Lira, o mércores 14 de agosto ás 20:00 horas. Un encontro que tamén conta coa colaboración da libraría Chorima de Carnota e no que participarán a libreira Jessica Martínez Maceiras, o escritor Francisco Xosé Fernández Naval -autor do texto introdutorio da obra- e a propia Maribel Longueira.

Libro Papagaio presentacion en Lira

A orixe de «Papagaio» remóntase ao ano 2001, cando este barrio coruñés -espazo tradicionalmente dedicado á prostitución- foi derrubado por intereses especulativos. Durante o proceso de demolición, Maribel Longueira captou coa súa cámara analóxica o traballo das máquinas, o estado ruinoso dos edificios e algúns dos obxectos que quedaron entre os cascallos. Publicado por primera vez en 2006, este libro recolle unha pequena selección dos centos de imaxes que documentan a desaparición daquel histórico enclave, ás que Luísa Villalta deulles voz a través de 19 poemas.

«Papagaio» foi unha sorte de testamento literario de Luísa Villalta e, como sinala Francisco Xosé Fernández Naval na súa introdución, forma unha “unidade” xunto con «Ruído» e «En concreto», coa cidade herculina como trasfondo.

Máis info

Comentarios