Xoves. 12.09.2024
El tiempo

Máis de 500 persoas xa descubriron os tesoros da Caseta do Pepe do Cuco

Caseta de Pepe do Cuco Carnota
Caseta de Pepe do Cuco Carnota
Máis de 500 persoas xa descubriron os tesoros da Caseta do Pepe do Cuco

A Caseta de Pepe do Cuco, primeiro museo automatizado de Galicia, recibiu un total de 531 visitas, distribuídas en 172 entradas automatizadas, desde a súa apertura ao público en xuño e ata o día de onte.
A entrada ao museo é libre todos os días do ano, durante 24 horas ao día, e faise a través dun código QR e un formulario no que se pode elixir o idioma no que facer a visita (dispoñible ata o momento en galego, castelán e inglés). Unha vez no interior, un sistema automático de vídeo, son e iluminación guía aos visitantes pola historia mariñeira de Lira ata a finalización da visita, que dura unha media de 23 minutos. 

O alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, asegura que “o comportamento do museo nestes meses parece confirmar que o obxectivo básico desta instalación estase a conseguir e non é outro que garantir o funcionamento cotiá do museo, independentemente de que o Concello de Carnota ou calquera administración poida destinar os recursos para mantelo aberto ao público”. Así mesmo, o alcalde engade que “agora calquera persoa que veña a Carnota, en calquera momento do ano vai poder ter acceso á historia mariñeira do noso concello, algo que non é posible en ningún outro lugar”.

Contido

No interior do museo combínanse obxectos reais restaurados, maquetas e pantallas de TV, nas que veciños e veciñas de Lira contan historias da Caseta e da vida dunha vila pesqueira dende os anos 30 do século pasado, momento no que foi construída por Pepe do Cuco. Despois de superar con éxito o período final de probas, que se estendeu entre os meses de abril e maio, durante os meses de xuño e sobre todo xullo as visitas ao Museo experimentaron un incremento notable de público procedente doutras autonomías e do estranxeiro.

O actual museo substitúe á instalación feita a finais dos anos 90, que quedara arruinada pola imposibilidade de destinar persoal e recursos para o seu mantemento.

A automatización da Caseta do Cuco é un proxecto promovido polo GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible, en colaboración coa Consellería do  Mar, o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e o Concello de Carnota.

Comentarios