Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Miguel de Lira, Xograr de Outono do FIOT 2016

Miguel de Lira, Xograr de Outono do FIOT 2016
Miguel de Lira Xograr de Outono do FIOT Carballo 2016

Aínda en pleno verán pero xa se escoitan as primeiras voces do festival de teatro máis importante da nosa comarca. Uns ecos que chegan, ademais, con claro acento costeiro, desta volta, do sur, da parte de Carnota, dende o moi noso Miguel de Lira espalla a Costa da Morte só co seu nome.

Será homenaxeado o actor liracho co Xograr de Outono 2016. Así anunciaba esta tarde o comité Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), no marco, ademais, do seu 25 aniversario. Despois de que Susana Dans recollera o importante galardón o ano pasado, este 2016 será para Miguel García Martínez, tras unha longa e recoñecida traxectoria na escena galega e no mundo audiovisual.

A elección do galardonado foi adoptada na reunión anual de Xoglares do Outono de Teatro que se celebrou o pasado luns 4 de xullo en Santiago, ao que asistiron os anteriores galardoados co Xograr de Outono, Celso Parada, Artur Trillo, Cándido Pazó, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Marcelino de Kukas, Eduardo Rodríguez “Tatán” e Susana Dans (disculpando a súa asistencia Dorotea Bárcena e Víctor Mosuqeira), xunto con Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte e outros organizadores do FIOT.

Con este premio o xurado do Xograr de Outono quere recoñecer a intensa, creativa, diversa e extensa traxectoria profesional de Miguel de Lira, -con máis de 30 anos de percorrido-, que pola súas características define o perfil do Xoglar que nos gusta destacar co galardón, xa que traballa activamente como actor de teatro, dinamizador teatral, produtor e director, como actor en cine e televisión a nivel nacional e galego, sendo ademais membro fundador dunhas das compañías referentes do panorama teatral galego: Chévere.

O Premio Xoglar de Outono premia a unha das figuras que iniciou un teatro alternativo, de compromiso e de experimentación en Galicia, levando o teatro a espazos pouco convencionais (en rúas, barcos, aeroportos, escaparates,…), que se quere recoñecer esta ampla, equilibrada e diversa traxectoria nas artes escénicas.

Traxectoria artística

Miguel de Lira (Lira, Carnota, 1964) comezou a súa andadura profesional nos anos 80 en Santiago de Compostela, onde se iniciou no mundo da improvisación e o xogo teatral.

No teatro está absolutamente vinculado á compañía Chévere da que é fundador, e no que leva traballado tan como actor como director ou productor trinta anos, participando na mior parte dos seus espectáculos, algún tan memorables como Río Bravo, Big Band, Annus Horribilis, Órbita Mutante, ou as Ultranoites, e recentemente Citizen, Eurozone ou Eroski Paraíso.

Neste ano, no que o Festival Internacional Outono de Teatro celebra o seu 25 aniversario, queremos destacar tamén que Miguel de Lira participou na primeira edición do FIOT co mítico espectáculo Río Bravo, que se representou no salón de actos do Instituto Alfredo Brañas.

A traxectoria de Miguel de Lira en cine e televisión é tamén unha das máis destacadas dos actores galegos, con participación en proxectos de relevante repercusión como as longametraxes Urxa (1989), de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal, Entre bateas (2002), telefilme de Jorge Coira, O lapis do carpinteiro (2003), de Antón Reixa, El regalo de Silvia (2003), de Dionisio Pérez, As viúvas do mar (2004), telefilme de Carlos Sedes, Hai que botalos (2005), de Margarita Ledo e Emilio McGregor, Galatasaray-Dépor (2005), de Hannes Stöhr, Un franco, 14 pesetas (2006), de Carlos Iglesias, Hotel Tívoli (2006), de Antón Reixa, El hombre de arena (2007), de José Manuel González, Os xirasois cegos (2008), de José Luis Cuerda, Crebinsky (2011), de Enrique Otero, No habrá paz para los malvados (2011), de Enrique Urbizu, Personal Movie (2012), de Héctor Carré, Todo é silencio (2012), de José Luis Cuerda, Somos xente honrada (2013), de Alejandro Marzoa, Os fenómenos (2014), de Alfonso Zarauza, A esmorga (2014), de Ignacio Vilar, María (y los demás) (2016), de Nely Reguera e Dhogs (2016), de Andrés Goteira. Tamén en curtametraxes Cal dous estraños (1991), de Alber Ponte, , Disonancias (2000), de Ignacio Vilar, Os Crebinsky (2002), de Enrique Otero, ou Toxic Percebe (2005), de Xavier Jacome e Martín Fiallega.

Tamén participou en series de televisión de grande éxito en Galicia, como en Mareas vivas (1998). Como Evaristo Currás, Pepe O Inglés (2006). Como Pepe O Inglés, Códice (2014). Como Manolo Carballeira. TVG e Hospital Real (2015), e en series nacionais como Pepe Carvalho (2004), de Rafael Moleón e en Los hombres de Paco (2008).

Premios

A compañía Chévere, da que Miguel de Lira é fundador e membro, recibiu un dos premios máis importante das artes escénicas en España no ano 2015 o Premio Nacional de Teatro.

Miguel de Lira foi galardoado ademáis co Premio Mestre Mateo 2010 á mellor interpretación masculina protagonista por Crebinsky e no 2013 por Somos xente honrada, e o Premio Alma ao melllor guionista novel no marco deo Festival de Cine de Málagano ano 2011 pola película Crebinsky.

Novas relacionadas

Comentarios