Monte Pindo Parque Natural denuncia á Xunta ante o Valedor do Pobo


A asociación Monte Pindo Parque Natural segue ca súa loita contra o goberno do PP na Xunta, e vén de formalizar unha denuncia ante o Valedor do Pobo "por negarse a informar sobre o lume do Olimpo Celta e os investimentos nese espazo". Considera a entidade que "a Xunta pode estar vulnerando lexislación europea, española e galega en materia de información sobre o medio ambiente", pois seguen sen recibir a información que solicitou hai dous meses sobre o custe do operativo de extinción do lume declarado o 11 de setembro no Olimpo Celta, e canto dese diñeiro se entregou a empresas privadas.
Ademais, MPPN preguntou polos "cartos que se teñen investido neste espazo nos tres anos anteriores, desde a precisa data en que un colectivo veciñal naceu para esixir protección e investimentos no espazo e, no caso de haber algún, cales foron as actuacións a cargo deses cartos".
"Nin unha cousa nin a outra: a Xunta da a calada por resposta", denuncian, "incurrindo nunha posíbel vulneración das lexislacións europea (Directiva 2003/4/CE), española (Lei 38/1995 e Lei 27/2006) e galega (Lei 1/1995) que regulan o dereito de acceso á información sobre o medio ambiente".
Así, a asocación puxo a situación en coñecemento do Valedor do Pobo José Julio Fernández Rodríguez.
Novas relacionadas
- O Monte Pindo ten máis hábitats prioritarios a protexer que calquera parque natural galego.
- Pepe do Fieiro: “Dicían os nosos vellos…”.
- Un curso para formar guías do Monte Pindo.
- O primeiro Parque Natural galego non será o Monte Pindo.