Os concellos reforzan os servizos de normalización lingüística
06:53 09/03/16
A Deputación da Coruña triplicou o orzamento destinado aos servizos de normalización lingüística dos concellos
Os concellos de Carballo, Carnota, Cee, Dumbría, Fisterra, Muros, Ponteceso, Santa Comba e Vimianzo (entre outros da provincia da Coruña) recibirán 12.000€ co fin de reforcen os seus servizos de normalización lingüística durante o presente ano. Este reforzo é posible grazas ao orzamento que a Deputación da Coruña destina para tal fin que este ano triplicou a súa cantidade.
Un total de 432.000 € será o orzamento que o organismo provincial destine aos servizos de normalización lingüística dos concellos, nunha convocatoria na que se presentaron 38 solicitudes fronte ás 25 do exercicio anterior que contou cunha partida de 150.000 euros, practicamente un terzo do que se dedica na actualidade. Boa parte do incremento desta cantidade está investida en duplicar a cantidade que recibe cada un dos concellos para o pagamento do persoal técnico de normalización lingüística. Pásase, neste sentido, dos 6.000 euros de convocatorias anteriores aos 12.000 desta edición.
“Para nós é de vital importancia dotar os concellos con servizos que, doutra maneira non poderían soster e, no caso da normalización lingüística, as entidades locais son especialmente interesantes por estaren en contacto directo coa xente”, destaca Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel tamén da área de Normalización Lingüística.
No BOP do 7 de marzo publicábase a concesión provisional de subvencións que outorga a cantidade de 12.000 euros ás solicitudes presentadas polos concellos da Baña, Abegondo, Ames, Arteixo, Betanzos, Boimorto, Boiro, Brión, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Culleredo, Dumbría, Fisterra, Melide, Miño, Muros, Narón, Noia, Oleiros, Oroso, Outes, Ponteceso, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, Santa Comba, Teo, Vimianzo e as cidades de Santiago e A Coruña á que se engadirá Ferrol, pendente de reparar un erro na solicitude. Nalgúns casos, as subvencións solicitadas por un dos concellos asisten a varios como é o caso de Toques que comparte servizo con Santiso, A Baña con Negreira, Abegondo con Coirós, Boimorto con Sobrado e Arzúa, Carnota con Mazaricos, Dumbría con Muxía, Outes con Lousame ou Rois con Dodro.