Pecha a última cooperativa téxtil de Carnota deixando na rúa 25 veciñas
O drama do desmantelamento do sector textil en Galicia segue medrando. A deslocalización dos traballos de confección está provocando a desaparición das cooperativas que tanto traballo feminino xeraron en Galicia nos últimos 30 anos, e que tanto fomentaron a emancipación da muller.
A última vítima deste proceso de descomposición é a a última cooperativa téxtil de Lamas de Castelo, en Carnota, que bota o peche deixando na rúa ás súas 5 socias e 20 empregadas. Dende o grupo de goberno do Concello de Carnota, queren amosar a súa solidaridade coas veciñas, lamentando o peche provocado polo cambio de criterios de INDITEX, empresa para a que subministraban a forza do seu traballo, en canto á diminución do prezo que o xigante téxtil lles aboa por cada prenda confeccionada. Para o grupo do BNG carnotán, “a merma é tal que pode considerarse un auténtico dumping, tan grave e repentino que literalmente as socias da cooperativa tiveron que tomar a decisión de pechar a porta por non ser quen de rendibilizar xa a súa actividade, quedando sen traballo tanto elas coma as súas operarias”.
A de Lamas de Castelo xa era a última destas características que seguía traballando en Carnota, e son poucas as que quedan na bisbarra. Por iso dende o Concello aseguran que farán o posible para manter a continuidade da iniciativa (aínda que sexa redimensionado) despois de recibir, durante varios encontros, o pesar das traballadoras.
Aprovieta o Concello de Carnota para “denunciar que INDITEX, malia presumir de abandeirar o tecido empresarial galego, en realidade está a empobrecelo coas súas decisións tendentes a unha cada vez maior deslocalización da súa produción en países do chamado terceiro mundo; estas decisións empresariais só buscan un beneficio rápido e a calquera custo, acabando cun sector puxante que empregaba a moitos miles de persoas no medio rural galego, na súa inmensa maioría mulleres que logo non dan atopado outra alternativa laboral”.