Presentan en Carnota a publica-acción "Un monte todos os montes"
Este venres 19 ás 20h, o Tinglado recibe en Carnota a presentación dun proxecto singular. "Un monte todos os montes" é un libro para repensar o monte galego desde a cultura, a gobernanza e a memoria comunitaria. Realizado polo colectivo Azul mais Verde, a proposta chega a Carnota da man da Libraría Chorima e o Tinglado.
"Un dispositivo colectivo de pensamento e acción arredor do monte que reúne investigación e práctica a través de procesos situados en distintos territorios de Galicia. O seu nome é, en si mesmo, un xesto político", explica María Bella, a Doutora en Coñecemento Curatorial afincada en Carnota e unha das promotoras desta iniciativa. "Fronte ao modelo hexemónico que converteu os montes galegos en monocultivos de eucalipto e en territorios de sacrificio para proxectos extractivos, "Un monte todos os montes" invoca a potencia do encadeamento: desde a singularidade de cada monte concreto, chegar a todos os montes e ir mudando a realidade cara unha perspectiva de posibilidade máis esperanzadora".
Esta "public-acción", como a denominan, estase a presentar en distintos territorios tratando de convocar xestos de transformación en positivo. A primeira presentación pública tivo lugar en abril no Monte Cambeiro en Corcubión, servindo como peche á celebración dunha xornada de deseucaliptización e traballo comunitario no Monte Santo Andrés".
No Tinglado, a conversa xirará en torno ao monte xunte a comunidades de montes da contorna de Carnota e Muros e a representantes da Rede de Áreas Conservadas por Comunidades Locais e nos sirva para compartir problemáticas, dificultades e desexos sobre a xestión do monte. A Rede de Áreas Conservadas por Comunidades Locais é unha alianza de comunidades que promove a xestión, a protección e restauración colectiva de miles de hectáreas de hábitats naturais, en favor da biodiversidade e a resiliencia especialmente contra os incendios.
O libro
A publicación, que conta co apoio e financiamento da Fundación Daniel y Nina Carasso, e que xa se poden atopar nas librerías galegas, constrúese desde o encontro entre investigación e prácticas situadas —entre a investigación-acción, a creación artística, a mediación cultural e o traballo comunitario— en relación co territorio e en diálogo con estratexias de gobernanza para o monte. Conta coas contribucións de Adriele Andrade Précoma, Natalia Balseiro, Lara Barros Alfaro, María Bella, Martiño Cabana Otero, Joám Evans Pim, Antonio Nodar, Susana González, Óscar Rivas López, Fran Rodríguez Casal e Outonía S. Coop. Galega.
Estrutúrase en catro parte que se entrelazan e reforzan.
O monte como territorio cultural recolle reflexións arredor de proxectos de acción cultural situados: Terra Creativa, no Monte Cambeiro de Corcubión, un exercicio experimental de reconexión comunitaria nun monte deseucaliptizado; Terra Común, un proceso de mediación artística coa Comunidade de Montes de Couso en Gondomar; e Reverdecer, un proxecto de ecofisioloxía vexetal e conciencia para a conservación de bosques autóctonos.
Gobernanzas para o monte en comunidade achégase ás figuras xurídicas e organizativas que permiten potenciar a acción cidadá sobre o monte: a custodia do territorio, os montes veciñais en man común, os dereitos da natureza -coa Declaración do río Tins en Serra de Outes como primeiro recoñecemento deste tipo en Galicia- e a litigancia estratéxica popular como ferramenta de defensa territorial.
Memorias colectivas sobre o monte ameazado convoca as voces das comunidades que resisten fronte ás transformacións e desposesións: desde Ourense, a través do río Bibei en Vilariño de Conso, historicamente embalsado e hoxe ameazado por un novo proxecto hidroeléctrico reversible; pasando pola Costa da Morte cunha problemática similar no monte comunal da Ruña en Mazaricos; e chegando a Traspielas, en Fornelos de Montes, Pontevedra, onde espertamos a memoria da resistencia contra o vertedoiro e a canteira.
O dispositivo incorpora un ensaio visual como cuarta parte, éste entra e sae ao longo da publicación facendo un convite a Observar o monte

