O programa das Letras galegas de Carnota demonta prexuízos lingüísticos

O Concello de Carnota, a través do Servizo de Normalización Lingüística do agrupamento dos concellos de Carnota e Mazaricos, desenvolverá durante o mes de maio unha intensa programación arredor da celebración das Letras Galegas 2024, coa idea desmontar prexuízos lingüísticos e incidir positivamente na valoración e no prestixio do idioma.
Vermú Literario e Musical
Na mañá do sábado 11 de maio, na Praza de San Gregorio, terá lugar un encontro literario e musical organizado polo Concello de Carnota, a través da Escola Municipal de Música, a Axencia de Lectura Municipal e o SNL, xunto coa Libraría Chorima.
O evento comezará ás 12:30 h, coa presentación do libro Carburos é o meu dios, de Guadalupe Vázquez Formoso, que estará acompañada polo alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido.
A continuación, a partir das 13:00 h, as Pandeireteiras da ESMU e a Coral Polifónica Mar de Ardora da ESMU de Carnota ofrecerán o concerto Musicando as Letras Galegas.
“O uso do galego nas redes sociais”. Obradoiro de Orgullo Galego para a mocidade.
Orgullo Galego impartirá dous obradoiros dirixidos a alumnado de ESO para mostrar as potencialidades da lingua galega na rede. Presentarase a comunidade Orgullo Galego, abordarase a situación do galego en internet, daranse a coñecer canles e persoas creadoras de contidos no noso idioma que sirvan de referente para a rapazada e mostrarase o galego como unha lingua viva, rica, útil, moderna e atractiva.
A actividade terá lugar o 14 de maio, no IES Lamas de Castelo, en horario escolar.
“As palabras perdidas”. Un espectáculo de Inventi Teatro.
O 15 de maio Inventi Teatro traerá a Carnota “As palabras perdidas”, unha proposta de teatro cómico para público infantil que, dun xeito divertido, dinámico e moderno, anima a falar galego e pon en valor o idioma, os ditos e as historias de Galicia.
A función terá lugar en horario escolar e está destinada ao alumnado de primaria do CEIP Plurilingüe de Carnota e o CEIP Plurilingüe do Pindo.
“Brincadeiras da lingua” con Migallas Teatro.
“Brincadeiras da lingua” é un espectáculo concibido para dar a coñecer a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados da literatura popular infantil de Galicia e fomentar a súa práctica na infancia. Mediante xogos verbais de participación, cancións, contos, monicreques e outros recursos, ofrécese dun xeito divertido unha escolma dos ditos recollidos na serie de vídeos do mesmo nome, de Migallas Teatro.
A función terá lugar o 23 de maio, en horario escolar, e está destinada ao alumnado de educación infantil do CEIP Plurilingüe de Carnota e o CEIP Plurilingüe do Pindo.
“Leo e as cores”, un espectáculo de Trémola Teatro para bebés.
As crianzas da Escola Infantil A Galiña Azul de Carnota vivirán unha emocionante aventura lles permitirá identificar as cores e coñecer os seus nomes en galego, ao tempo que exploran cos sentidos o mundo que os rodea.
O espectáculo representarase na escola infantil o 24 de maio, en horario escolar.
“Falemos como galegas”, un espectáculo de Migallas Teatro para público adulto.
Tamén o 24 de maio, volve Migallas Teatro, desta vez con “Falemos como galegas”, un espectáculo humorístico para público adulto que convida a reflexionar sobre o pasado, o presente e o futuro da lingua galega.
A función terá lugar no salón de actos do Concello de Carnota, ás 21:30 h. A entrada é libre, ata completar a capacidade do local.
O programa “Maio, mes das Letras” está organizado polo SNL do agrupamento dos concellos de Carnota e Mazaricos, servizo de financiado pola Deputación Provincial da Coruña.