Reproducen unha vasilla de 7.000 anos atopada no Monte Pindo
Fermosísima a vasilla que vén de materializar nunha reprodución histórica o profesor Xoán Ramón Vidal Romaní e un equipo de ceramistas lucenses, con Manuel Miranda á cabeza. Veñen de devolver á vida contemporánea un anaco importante da nosa historia máis remota. Falamos, segundo nos conta a Asociación Monte Pindo Parque Natural, dunha vasilla campaniforme neolítica, datada por termoluminiscencia en 7.050 (+/-860) anos, e cuxos restos apareceron durante unha excursión hai xa oito anos o propio profesor e o Clube Espeleolóxico Maúxo nunha cova do Monte Pindo, entre outras pezas cerámicas que están depositadas fóra do espazo visitable do Museo Arqueolóxico da Coruña.
Trátase dos restos arqueolóxicos máis antigos descubertos no Monte Pindo ata o momento, e confirmaría a presenza humana nas grotas do Olimpo Celta cando menos desde o Neolítico. Esta vasilla foi datada polo método da termoluminiscencia (TL) no Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal.
Ávista do interese xerado pola reprodución nas redes sociais, a Asociación abrirá un prazo limitado para que quen o desexe poida facerse cun exemplar desta reprodución, o que se poderá facer presentando unha reserva na páxina tenda.montepindo.gal ata o 15 de marzo de 2016.
Novas relacionadas
- O Simposium Monte Pindo analizou as novas oportunidades do futuro primeiro Parque Natural costeiro.
- A Universidade da Coruña apoia o Parque Natural no Monte Pindo.
- Con Pepe do Fieiro redescubrindo os tesouros do Monte Pindo.
- Galicia vístese de verde polo Monte Pindo.