Martes. 10.12.2019
El tiempo

Suceso no Corredor Costeiro de Caldebarcos: Desaparecen 3 bancos de pedra de 2 toneladas

Suceso no Corredor Costeiro de Caldebarcos: Desaparecen 3 bancos de pedra de 2 toneladas

Sorpresa en aumento na directiva da Asociación de Veciños de Caldebarcos pola misteriosa desaparición de tres bancos de 2 toneladas cada un, na zona en proxecto de recuperación para o Corredor Costeiro.

I é que segundo nos informan dende a vila carnotá, os 3 bancos desapareceron da Miranda de Caldebarcos, nas proximidades do Almacén, un sitio de privilexio para observar o mar e a costa entre O Forcado (Lira) e Fisterra. Formaban parte, dende 2008, da zona acondicionada nos arredores do Almacén e as Casetas de Mariñeiros recuperadas e que constitúen un pequeno exemplo do que se espera que acabe sendo o Corredor Costeiro, cando o Plan Integral de Recuperación da Costa no entorno de Caldebarcos se vexa culminado. O deseño do Plan Integral é responsabilidade da arquitecta Elisa Gallego, e os bancos son obra do canteiro pontecesán Ricardo Antelo, creadores de prestixio e con recoñecemento a nivel nacional.

Os veciños da zona vén neste proxecto "un exemplo de recuperación e valoración da nosa paisaxe, feita dunha maneira respectuosa e discreta, lonxe campos asfaltados e deseños personalistas e depredadores de entornos ós que, desgraciadamente, estamos afeitos de máis en Galicia".

Así, os veciños xa se puxeron en contacto coa Confraría do Pindo e co Concello de Carnota, pero aínda non recibiron ningunha explicación, nin información de onde poden estar os bancos, nin das razóns que motivaron a súa desaparición nin de que houbese intención de tomar algún tipo de medida.

Os veciños da zona entenden "esta acción como un intento de deixar a Caldebarcos sen o plan máis ambicioso para a súa costa, que xa estaba en marcha, e que o noso lugar siga sendo vítima da tradicional ignorancia á que nos teñen afeitos os nosos gobernantes". E denuncian que "o alcalde negouse a dar explicacións incluso no pleno municipal".

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios