25N sen silencio: Curtas que non calan
O silencio é cómplice. "O silencio perpetúa a violencia". Este é o lema que a Organización de Mulleres Buserana escolleu para celebrar Día Internacional contra a Violencia de Xénero neste 2012. A única asociación feminista da Costa da Morte centra as actividades arredor deste 25N, pero xa vimos que a fin de semana chega cargada de actos.
Vemos que en Vimianzo realizarán un fermoso xardín de margaridas, ou que en Cee farán dúas concentracións.
Pero comezamos repasando o primeiro dos actos que ten lugar na zona arredor do asunto. Foi a propia Buserana a que organizaba onte unha proxección de curtas aberta pensada para os alumnos adultos do IES Fernando Blanco.
Foi unha sesión preparada por Chicha Martínez, e na que os alumnos sufriron varias duras curtas. Repasáronse varios tipos de violencia, non só a física, senón tamén a psicolóxica ou a social, unha das menos visibles. Houbo algúns vídeos que falaron da prostutición, e das mulleres prostituídas, que non prostitutas, que na linguaxe moitas veces tamén está explícita a violencia.
Falouse tamén da educación, cun tremendo vídeo no que a súa filla repite o que ve na súa casa batendo nunha das súas bonecas, ao que lle chama xogar a "papas e mamas"...
Pero a incidencia maior chega neste 2012, sobre o silencio. O silencio dos veciños, familiares, amigos... que non fai máis que axudar ao culpable e deixar de lado ás vítimas. Un exemplo, eses veciños que apagan a luz mentres escoitan ao seu veciño bater na súa parella...
Un concentración contra o silencio
Queda agora a cita que prantexa as bravas mulleres da Buserana para o domingo, cunha concentración ás 18:00h na Praza 8 de marzo de Cee na que se fará lectura do manifesto ademais de ter un altofalante que recordará ás máis de 60 mulleres mortas ao longo deste ano...
Novas relacionadas
- Un novo 25N contra a Violencia de Xénero sen silencio con Buserana.
- Un xardín onde non medran as malas herbas dende Vimianzo polo 25N.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).