Mércores. 09.10.2024
El tiempo

30 anos con Aspadex

30 anos con Aspadex
Visita ao obradoiro de Aspadex

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, realizou esta tarde unha visita ás diferentes instalacións que a asociación Aspadex (Asociación de Padres de Niños Deficientes Físicos e Psíquicos da comarca do Xallas) ten no Concello de Cee.

Acompañado polo presidente da entidade, Evaristo Lema, a directora do centro, Concha Seoane, e a deputada provincial de Servizos Sociais e alcaldesa de Cee, Zaira Rodríguez, o presidente da Deputación puido coñecer de primeira man o resultado das recentes reformas acometidas no centro de día e no ocupacional de Aspadex.

As actuacións tiveron como obxectivo mellorar a cociña, coa que se da servizo aos usuarios do centro, e o pintado das instalacións. Estas obras foron realizadas grazas ao apoio económico da institución provincial a través dun convenio de colaboración asinado o pasado 13 de novembro de 2012 e co que a Deputación asumía o 80% dos custes das obras, un total de 59.820 euros.

O centro ocupacional de Aspadex conta con 65 usuarios maiores de 18 anos que desenvolven diferentes obradoiros pensados para formalos para o sector servizo e para crear produtos á venda na tenda de Aspadex.

No centro de día un total de 15 usuarios maiores de 18 anos e que precisan de apoio extenso ou xeralizado realizan cada día actividades de rehabilitación. Ademais, na casa tutelada viven 13 persoas coma nun fogar e que cada día adestran as súas habilidades básicas funcionais e instrumentais, aprenden a coidar da súa saúde e tamén a ofrecer e compartir unha boa convivencia.

No baixo da vivenda atópase a tenda de Aspadex desde a que os usuarios da entidade comercializan os produtos e utensilios creados cada día polos usuarios da entidade nos diferentes obradoiros do centro ocupacional e que tamén se comercializan a través da súa tenda online. “Esta tenda é a mostra de que non hai que estancarse, senón que sempre hai que estar pensando cousas novas para avanzar. Vós sabedes cómo facelo e teremos que tomar nota”, asegurou Calvo.

As autoridades Visitando Aspadex

Asociación Aspadex

Aspadex creouse no ano 1983 nun momento no que na zona non existía ningún recurso para atender á poboación con algún tipo de discapacidade. Cando comezou, atendíanse a seis persoas. Trinta anos máis tarde, Aspadex apoia día a día a case cen usuarios a través dos seus centros de día, ocupacional e vivendas tuteladas.

A día de hoxe, Aspadex ten 57 socios e unha plantilla de 30 traballadores. Ademais, o centro ofrece un servizo de atención ás familias, o servizo de comedor en tódolos seus centros e o servizo de transporte necesario para que os usuarios poidan acudir cada día aos seus respectivos centros e actividades.

Novas relacionadas

Fonte

  • Deputación.

Comentarios