Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Costa da Morte, máis implicada que nunca no #8deMarzo

A Costa da Morte, máis implicada que nunca no #8deMarzo
8 de marzo folga feminista Máis intenso que nunca se vivirá este 8 de Marzo, Día internacional da Muller, na Costa da Morte. As mulleres do mundo póñense en folga e a bisbarra non será allea. Seguramente non será maioritaria, pero sabemos de boa tinta que moitas mestras, funcionarias, pequenas empresarias, traballadoras de comercios, e mesmo unha alcaldesa, secundarán este Paro Internacional de Mulleres que se celebrará en preto de 100 países, por moito que algún partido político intente demonizar. Mesmo parte da comunidade escolar vai secundar esta folga, e hai institutos nos que os propios alumnos e alumnas non van acodir ás clases para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia. Ademais, sindicatos como a CIG animan a completar o paro cunha “folga de consumo, de brazos cruzados nas tarefas de coidado, e de boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista".

Concentracións

Así mesmo, a CIG baixo o lema “Sóbrannos as razóns”, anima a todas as mulleres a secundar paro, “para lembrar a esta sociedade que somos a metade da humanidade e que a metade nos pertence. Paramos para exixir xustiza”. E enumeran unhas cantas razóns para facelo: “cobramos menos ca un home (de media en Galiza, a muller ingresa 4.513 euros anuais menos); temos máis contratos a tempo parcial (o 21,8% das mulleres traballan a xornada parcial fronte o 6% no caso dos homes e a taxa de temporalidade feminina situouse no 28,7% no ano 2017). Tamén temos as pensións máis cativas: a diferenza media entre as pensións das mulleres e as dos homes foi de 352,58 euros no ano 2016, último do que se teñen datos, o que implica unha fenda do 36,8%”. Por iso, invita a participar nas concentacións que se realizarán o propio xoves 8 de marzo diante da Casa do Concello de Carballo e na Praza 8 de marzo de Cee, que se celebrarán ás 12:30h.

As Buseranas

O único colectivo feminista da Costa da Morte, a Organización Buserana, que se suma á folga e anima aunha mobilización local conxunta e unánime das e dos representantes políticas/os locais, axentes sociais e cidadanía en xeral. Coma sempre, a cita principal será este mesmo xoves 8 de marzo, ás 20:00 horas, na Pza. 8 de marzo de Cee, onde esperan que haia máis xente que nunca. 8 de marzo concentracions

As entidades sociais

Así mesmo, as Asociacións Petón do Lobo, Cova Crea, Ouriol do Anllóns e Contraminate, queren animar a participar con este consensuado manifesto feminista, na concentración que terá lugar diante do Concello de Laxe este xoves 8 ás 12:00 do mediodía:

Asociacións da Costa da Morte e Bergantiños apoian a Folga Xeral Feminista do 8M. O 8 de Marzo, as mulleres galegas estamos convocadas á FOLGA FEMINISTA MUNDIAL. Celebramos a alianza entre mulleres para defender os nosos dereitos. A nosa unión foi a que conseguiu grandes vitorias. Con todo, sabemos que queda moito por facer. Esiximos que a defensa da vida e dos coidados se sitúen no centro da economía e da política.

En Bergantiños, muller e terra van da mán, pero nos derradeiros anos se está a producir unha febre desatinada e ambiciosa desde o goberno e os poderes fácticos dirixida ao acaparamento de terras agrícolas, nunhas condicións de auténtico espolio, empobrecemento do rural e sen retorno social para as persoas, como é o caso dos plans enerxéticos e de minaría.

Por outra banda, queremos que os homes en xeral comprendan dunha vez que o traballo doméstico e de coidados que facemos as mulleres é imprescindible. Coa folga de coidados, damos visibilidade a un traballo que ninguén quere recoñecer, na casa, no campo ou no mar, porque está mal pagado ou forma parte da economía somerxida.

Queremos políticas feministas, que respeten os recursos: a terra, o mar, o medio natural e os dereitos humanos e animais. Reivindicamos unha sociedade libre de opresións, de explotación e de violencias machistas. Chamamos á rebeldía e á loita fronte á alianza entre o patriarcado e o capitalismo que nos quere dóciles, sometidas e pobres.

ABONDA de discriminación salarial polo feito de sermos mulleres, de menosprezo e de acoso no ámbito laboral. ABONDA de infra-empregos nos talleres, supermercados e bares nunha comarca onde a presenza da muller na industria é minoritaria e subalterna.

ABONDA a invisibilidade da muller labrega, sostén da economía familiar!

Os nosos corpos non son mercadoría nin obxecto, e por iso, tamén facemos folga de consumo. Xa abonda de ser utilizadas como reclamo! (BASTA de mamoneo nas ofertas de traballo!)

O movemento feminista esixe o noso dereito a unha educación pública, laica e feminista, libre de valores heteropatriarcais desde os primeiros treitos educativos, nos que as profesoras somos maioría.

Dicimos ABONDA ao racismo e a exclusión. Berramos ben alto: non ás guerras e á fabricación de material bélico!

Esiximos a acollida de todas as persoas migradas, sexa polo motivo que for. Denunciamos a inxustiza que implica ser nacida nun punto conflitivo deste mundo. Somos mulleres libres en territorios libres!

VIVAN A FOLGA DE COIDADOS, DE CONSUMO, LABORAL E EDUCATIVA! VIVA A FOLGA FEMINISTA!

Actos municipais

Mentres, son moitos os concellos que van realizar actividades arredor do Día.

Cada día é 8 de marzo en Zas

A proxección dun documental, dúas charlas e un escrito son as actividades propostas polo Concello de Zas con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller que terá lugar este xoves, 8 de marzo. Esta campaña reivindicativa, posta en marcha pola Concellería de Xuventude e Normalización Lingüística – encabezada por Patricia Fariña – e o Centro de Información á Muller – CIM –, céntrase en actividades dirixidas a toda a veciñanza e, especialmente, aos que serán as mulleres e os homes de mañá. Así, o salón de actos do IES Maximino Romero de Lema acolle o mércores 7 entre as 09:30 e as 11:30 horas unha xornada dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI de Zas e do IES de Baio na que, en primeiro lugar, se proxectará o documental “Matriarcas”, dirixido por Ana Costa (natural de Zas) e a continuará cunha charla-coloquio na que participarán varias profesionais reivindicadoras do traballo da muller. Entre elas estarán Montse Fajardo - xornalista e escritora de libros como   “Matriarcas”, “Silenciadas” e “Invisibles”, entre outros -; Carmen Valiña – xornalista, doutora en Historia Contemporánea especializada no mundo da Muller, directora do proxecto Periféricas e natural de Baio - e Marisa Amigo - empresaria e presidenta da Asociación Cultural e de Igualdade  “A Pita Cega”. “A muller traballadora no rural” será o título da charla que terá lugar o xoves, 8 de marzo, ás 18 horas no Centro Sociocultural de Zas que impartirá Inés Pequeño, asesora xurídica do CIM de Zas. A sesión é aberta a toda a veciñanza. Ademais destas actividades, o CIM de Zas vén de publicar un escrito no que salienta o traballo das mulleres traballadoras no rural – eido no que se encontra o Concello de Zas – e a través do cal critica o longo camiño que queda por percorrer en termos de igualdade entre mulleres e homes dentro de sectores como o agrario. O escrito completo pode verse neste enlace.

"A igualdade tamén é cousa nosa" en Malpica

8 de marzo Malpica Interesante campaña en Malpica, onde son os homes os protagonistas do Día da Muller, deixando claroq ue “A igualdade tamén é cousa nosa”. O empresario e cociñeiro Óscar Souto Ures, o oleiro Fernando Cambón Cambre, o gandeiro e concelleiro Julio José Vila Díaz, o mariñeiro Luis Veiga Veiga, os futbolistas Ricardo Cotelo e David Dourado, o tenente de alcalde Miguel Ángel Fernández Mirás e o alcalde, Eduardo Parga Veiga, representan aos homes de Malpica nun cartel que está a repartirse esta semana polo concello. O cartel, polo seu simbolismo, forma parte da propia programación que se desenvolverá no Día Internacional da Muller. A conmemoración comezará ás 11.00 horas no CEIP Joaquín Rodríguez Otero cunha solta de globos de cor violeta en lembranza de todas as mulleres vítimas de violencia de xénero. Ás 13 horas, no Centro Cívico de Malpica, procederase á inauguración da exposición Mans creativas, unha mostra de artesanía coa que queremos poñer en valor o traballo artístico e creativo de mulleres do noso concello como as oleiras Lola Faya Puñal, Carmen Regueira Ordóñez, Carmen Isabel Labrador Fariña, Marilá Gómez Caamaño e Dolores Martínez Villar, a oleira e xoieria Ana Visos e as redeiras das asociacións Mar da Illa e O Fieital.

Paro en Muros

En Muros non organizaron nada para o propio 8 de marzo, máis que a concentración para as 12:00h na praza do Concello (que vai ser potente), para reservar un dereito a folga que vai exercer a propia alcaldesa, María Xosé Alfonso. Ademais hai estas actividades.

Os lavaduiros de Mazaricos

Os lavaduiros foron testemuñas da explotación da muller polo sistema patriarcal. Por iso, e debido á mala previsión meteorolóxica para o día 8, o 17 de marzo, o Concello de Mazaricos fará unha ruta por estes elementos para, simbolicamente, lavar as discriminacións do pasado e abrir un novo tempo de igualdade. 8 de Marzo-Mazaricos

"Superheroínas da vida cotiá" en Carballo

Faladoiro en Carballo Faladoiro celebrado onte en Carballo As “superheroínas da vida cotiá” son as protagonistas da campaña carballesa. Onte comezaban as actividades co faladoiro “Entre guerrilleiras”, aberto a todas as bravas galegas do día a día. Onte tamén a Cruz Vermella de Carballo presentará “O feminismo é o meu súper poder” nun stand informativo. Pero o groso das actividades concentrarase na xornada do venres 9. Arrincarán ás 19 horas na Biblioteca Rego da Balsa coa presentación do libro “Comezar desde cero: Voces de mulleres recuperando ás súas vidas”, de Tania Merelas Iglesias, que estará acompañada pola activista feminista Lola Ferreiro. De seguido será inaugurada unha exposición coas ilustracións realizadas por Lucía Catoira Pan para o libro. E ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura, a compañía Teatro do Atlántico representará “Helena: xuízo a unha lurpia”, na que, partindo do drama dunha personaxe da mitoloxía grega, establécese un diálogo entre a protagonista e a cidadanía do século XII, coa que comparte unha reflexión e unha denuncia ao redor do drama da muller contemporánea e tamén de moitas das dramáticas circunstancias polas que transita a nosa civilización.

Muxía

O Concello de Muxía non organiza actividades para o propio 8 de marzo, para respetar a xornada de folga, pero sí organiza unha xornada pola igualdade para o día 17 de marzo.

Linguaxe nas administracións de Corcubión

8 DE MARZO Corcubion “Lembra, o que non se nomea non existe..." é a campaña corcubionesa, que anima ao persoal das administtracións públicas a usar unha linguaxe inclusiva, neutra tanto fronte á cidadanía como nas comunicacións internas. Para elo ennviará a cada unha das administracións do municipio (xulgados, tesourería, deputación, extensión agraria, capitanía,....) e a todos os departamentos municipais, un caderno de orientación sobre linguaxe administrativa neutra. Por outra banda celebrarase o vindeiro 8 da tarde na Biblioteca municipal un taller para o alumnado do CEIP Praia de Quenxe, de entre 5 e 8 anos, consistente na organización, redecoración e coñecemento do "Rincón Violeta", así como unha sesión de contacontos para aprender a compartir responsabilidades.

Laxe con M de Muller

Baixo as etiquetas “#Cóidate, Quérete”, o Día Internacional da muller celébrase en Laxe con Me de Muller cun completo programa que dura todo o mes, con Exposición, teatro local e moito máis.  O 8 haberá unha concentración e lectura de manifesto ás 12:00h diante do Concello. Podedes ver o programa completo aquí: Cartel mes da muller 2018 laxe xeral copia

Contos para a igualdade en Ponteceso

Da área de Bibliotecas do concello de Ponteceso, dirixida polo concelleiro e portavoz do BNG, Carlos Penedo, organiza varias citas que terán lugar os vindeiros venres ás 18:30 na biblioteca municipal de Ponteceso:
  • 9 de Marzo, venres, Soledad Felloza. Contacontos. “Contos para cambiar o mundo”
  • 15 de Marzo: xoves,  Tero Rodríguez. Contacontos. “Tecendo con Estela”
  • 21 de Marzo. mércores, Contacontos. “Polo corvo do Vento”, a partir do libro “Un ronsel de ardora”, pequena biografía de Ánxeles Alvariño.

Apoio municipal en Vimianzo

O goberno municipal de Vimianzo envía un comunicado no que asegura que respecta o dereito á folga por parte das mulleres que decidan exercelo neste 8 de marzo. Ademais “quere manifestar a súa solidariedade coas mulleres na loita en prol da igualdade efectiva entre homes e mulleres. Desde o goberno municipal de Vimianzo compartimos os obxectivos e as reivindicacións que xustifican a convocatoria desta folga. Consideramos que é necesario rematar definitivamente coa fenda salarial existente, facendo efectiva unha reivindicación tan xusta, e lóxica, como que “a igual traballo, igual salario””.

Novas do 8demarzo

Outras novas relacionadas

Fonte

Comentarios