A Fiscalía denuncia tres posibles delitos na condonación da débeda da Comisión da Xunqueira


En febreiro deste ano celebrábase un pleno convulso en Cee, que deparaba a aprobación dunha subvención á Comisión de Festas da Xunqueira para condonar a débeda contraída de 57.000 coa empresa Galicia Espectáculos tralas festas de 2015 e 2016. Unha operación que en QPC xa calificabamos como “Operación Orquesta (II)”.
Naquel entón, a aprobación desa modificación de subvención contou cos votos a favor do goberno de IxCee, de Modesto Rivas (ex PSOE), coas abstencións de BNG, PP e Yolanda Leal (ex IxCee), e cos votos en contra Margarita Lamela (PSOE), Plácido (C’s) e Candiño (ex IxCee).
Un dos que se opón dende aquel momento é Víctor Somoza, que levou o asunto aos Xulgados, e que vén de recibir a notificación da Fiscalía Provincial da Coruña que eleva o expediente, presentando a denuncia no Xulgado de Corcubión para incoar do procedemento penal por posible prevaricación, falsidade documental, e mesmo estafa.
Segundo Unión Cidadá, e tamén a edila do PSdG (que de feito xa declarou ante Fiscalía en calidade de testigo e que tamén se amosou contraria en todas as comisións), o asunto incorre nunha posible duplicidade de pago das facturas, por unha hipotética falsificación. Consideran que a Asociación Pro-Xunqueira (a comisión) xa presentara unha factura que pagara o concello en 2016, e que a factura presentada en 2017, “non se corresponde en realidade coa débeda pendente á que fai referencia no concepto”.