Xoves. 28.03.2024
El tiempo

“A gran mentira” do Plan Industrial de Ferroatlántica

“A gran mentira” do Plan Industrial de Ferroatlántica
Porto e fabrica de Brens Imaxe do porto e da fábrica de Brens dende Quenxe

Continúa inestable a situación laboral na familia de Ferroatlántica. Un milleiro de familias seguen pendentes da evolución do caso, analizando que a política empresarial da Dirección está cada vez máis alonxada dos traballadores, segundo denuncian os sindicatos. A empresa recorreía a decisión de Augas de Galicia que impide a segregación dos seus activos hidráulicos e de produción industrial de ferroaleacións. Un recurso de alzada contra o que o Comité vén de presentar alegacións.

O Comité critica que “o Grupo Villar Mir non asuma o ditame da administración galega e sosteña a súa cruzada contra o emprego e a viabilidade das fábricas da Costa da Morte”.

Ante esta situación o Comité volve incidir na “gran mentira” que supuña o Plan Industrial que presentou a empresa, como xa denunciara no seu día, lembrando que o “a empresa, con total descaro, deixou sen efecto ese plan industrial”. Se Ferroaltántica entende que o interese xeral que sostén a vinculación de ambas producións pode ser intercambiábel polo seu proxecto industrial, por que non defende esa argumentación no seu recurso e por que anula a aplicación do plan?”, pregúntase o Comité.

Por todo isto, a representación sindical segue apuntando a que o interese da empresa pasa pola ”venda das centrais como parte dunha operación puramente especulativa cuxa finalidade en ningún caso é obter liquidez, nin realizar inversións ou proxectos en Galiza”. Así o refrenda a última decisión de trasladar o proxecto FerroSolar de Sabón a Puertollano (a pesar do apoio ao Plan dos traballadores da fábrica de Arteixo) e a recente compra novas plantas de aliaxes de manganeso en Francia e Noruega. Instalacións que se converterán en competidoras directas da produción que se realiza na planta de Brens en Cee.
Hai que lembrar que a fábrica de Cee conta con tres fornos de produción, dos que o 13 e o 14 son de manganesos (ferromanganeso e silicomanganeso), e que, ademais, é a máis obsoleta do Grupo, pois tal e como o Comité denuncia de maneira reiterada, Ferroatlántica leva 23 anos sen facer inversións para a modernización e mellora do complexo industrial da Costa da Morte.

Deste xeito, aseguran que se a Xunta autorizase a desvinculación das actividades hidroléctrica e industrial, “isto suporía o peche inmediato das fábricas de Cee e Dumbría”.

Esixen firmeza á Xunta

Nesta situación, o Comité esixe ao goberno da Xunta que “se manteña firme na súa resolución inicial e impida que o Grupo siga a desmantelar o seu tecido industrial en Galiza”. “A Xunta non pode consentir que esta empresa espolie e explote os nosos recursos naturais e reciba millonarias axudas públicas en I+D para xerar riqueza fóra do noso país”.

Máis aínda cando a empresa quere a modificación "á carta" da concesión, como indica no recurso de alzada, negando o “carácter substancial da cláusula de vinculación, coa finalidade de negar que a súa supresión se ten que realizar a través do procedemento de modificación das concesións hidroeléctricas, que o que legalmente correspondente nestes casos, e que implicaría a caducidade da concesión e a tramitación dun novo procedemento de outorgamento en réxime de concorrencia”.

Ademais, dende o Comité consideran que a intención da empresa de revogar a sentenza xudicial pola vía administrativa é “ilícita”. “O que intenta a empresa é converter o recurso administrativo na alternativa para reabrir indefinidamente as posibilidades de impugnar a legalidade dos actos administrativos firmes.

”Interese público”

Ante esta situación, o Comité lembra as palabras máxicas de todo este proceso, un proceso que segue sendo de interese público como o demostran as cifras de impacto económico das dúas fábricas na comarca (ata un 25% do PIB pode proceder das mesmas). “E este interese público lexítimo non é outro que o mantemento do emprego e da actividade industrial de ferroaliaxes na Costa da Morte".

Historia do Caso Ferroatlántica

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios