Venres. 19.04.2024
El tiempo

A loita por Ferroatlántica centra a atención do Día do Traballador en Cee

A loita por Ferroatlántica centra a atención do Día do Traballador en Cee
Manifestacion por Ferroatlantica Imaxe que dá conta do seguemento da marcha a pé entre a fábrica de Brens e a praza do Concello de Cee polos postos de traballo de Ferroatlántica-Foto-Rafa Quintáns A CIG aproveitará a celebración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, para continuar coa súa campaña a prol da recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados coa escusa da crise e para reclamar a derrogación das sucesivas reformas antiobreiras. A central conmemorará por segundo ano consecutivo esta data na comarca e concretamente en Cee cunha concentración ás 12:30 diante do Concello. Dende a CIG lembran que "nos últimos oito anos os diferentes gobernos do PP e do PSOE atacaron por medio de reformas lexislativas os principais dereitos conquistados pola clase traballadora na súa historia constante de loita". “Amparados na crise tomaron por asalto as nosas pensións, os dereitos laborais, os salarios, reduciron a nosa protección e cobertura sanitaria, etc”, sinalan. Isto fixo que hoxe a pobreza estea relacionada con traballo precario, cos contratos parciais, cos máis de dous millóns de persoas que esgotaron as prestacións por desemprego e co 32% de traballadores/as que teñen un salario inferior ao SMI: 707 euros ao mes. Tamén lembran que nestes anos máis de 130.000 galegos/as, principalmente mozos/as, marcharon á emigración buscando traballo, polo que se en lugar de emigrar ficasen aquí o desemprego real superaría o 30%. Ao mesmo tempo, sinalan que o do Estado español é o único caso no que o total dos salarios da clase traballadora descendeu nestes últimos seis anos preto dun 11%. Mesmo en Portugal, neste mesmo período, os soldos subiron un 4,45%, mentres que en Alemaña e Francia o incremento superou o 9%. “As reformas laborais conseguiron o que se propoñían, traballarmos máis e cobrarmos menos; os salarios que perdemos pasaron ás rendas do capital, persoas ricas e grandes empresarios/as, que aumentaron as súas fortunas e beneficios en máis dun 18%”. Na CIG entenden que unha vez que conseguiron roubarnos gran parte dos nosos dereitos laborais crearon novas leis represivas de seguridade cidadá (Lei Mordaza) e do Código Penal para criminalizar a resposta e mobilización da clase traballadora “porque saben que sempre conquistamos os nosos dereitos coa loita”. Na comarca non somos alleos a esta situación, por iso dende a Unión Local da CIG en Cee querse denunciar, tamén neste Día, a crise permanente na que vive esta comarca pola falta de investimento para un desenvolvemento no que se poida vivir dignamente na nosa comarca. Consideran "lamentable o absoluto desleixo da Xunta de Galiza e do goberno español coa comarca”, impedindo mesmo dotar a comarca das infraestruturas necesarias que sirvan para a reactivación económica e creación de emprego. Nunha comarca que temos o maior exemplo práctico de modelo de desenvolvemento de característica neocoloniais –esquilmar recursos naturais, mentres emigran os recursos económicos- como o caso de FERROATLÁNTICA permitir a sobreexplotación e espoliación dos nosos recursos naturais sin que os beneficios repercutan directamente na nosa comarca en investimento para a creación de novos empregos. E contra o que esta comarca o pasado 10 de marzo nunha manifestación histórica respondeu clara e contundentemente reclamando investimentos, reclamando industrialización, reclamando emprego e reclamando xustiza social, en definitiva reclamando futuro para unha comarca cun enorme potencial, e que exixe se dote a nosa comarca dos investimentos necesarios que poña en valor o noso territorio para un desenvolmento económico e social xusto e sostíbel. Consideran importante que na actualidade o PP non teña a maioría parlamentaria, “xa que estas leis que empobrecen e condenan ao sufrimento á clase traballadora poden ser anuladas”. Diante disto, chaman ao conxunto da cidadanía a participar nas distintas mobilizacións convocadas pola central para esa xornada. Fonte -CIG

Comentarios