Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A precariedade e os postos de traballo de Ferroatlántica, protagonistas no Día do Traballo

A precariedade e os postos de traballo de Ferroatlántica, protagonistas no Día do Traballo
Dia do Traballador en Cee_Foto-Rafa Quintans 5 Día do Traballador en Cee_Foto-Rafa Quintáns

Tocou saír, outra vez á rúa. Día do Traballo e na Costa da Morte son moitas as loitas laborais que hai que reivindicar. Ademais da batalla nacional contra a precariedade, na bisbarra tocou alzar a voz en defensa dos postos de traballo de Ferroatlántica, un caso que segue ameazando a liña de flotación socio-económica da bisbarra.

Foi a ala máis nacionalista a que participou na concentración convocada pola CIG en Cee. Varios centos de persoas conmemoraron o 1º de Maio, “dia do internacionalismo proletario”. Os responsables do sindicato puxeron fincapé en 3 puntos: a recuperación dos nosos dereitos; “a loita contra a perda de postos de traballo na comarca; e a loita contra a explotación e especulación dos nosos recursos naturais e o futuro da comarca”.

Lembraron “o empeoramento das condicións de vida, ante as ameazas as nosas pensións e en definitiva pola recuperación de dereitos perdidos, que nos últimos 8 anos os diferentes gobernos españois do PP e PSOE atacaron por medio de reformas lexislativas os principais dereitos que tiñamos conquistados pola nosa loita permanente”.

Lamentaron “o uso da crise para o asalto dos nosos dereitos, dos nosos salarios”, lembrando que “o estado español é o único caso no que o total dos salarios descendeu nestes últimos 6 anos preto dun 11%. Mesmo Portugal subiron un 4,5%, e en Alemaña e Francia por riba do 9%”. Datos que se contrapoñen coas grandes fortunas ”que aumentaron as súas fortunas e beneficios en máis dun 18%”.

Falouse de emprego, e de como hoxe “a pobreza está relacionada con traballo precario, cos contratos parciais, cos máis de dous millóns de persoas que esgotaron as prestacións por desemprego e co 32% de traballadores e traballadoras que teñen un salario inferior ao SMI”. Lamentan o pasamento da “negociación colectiva”, o “asalto ás pensións”, a “redución da protección e cobertura sanitaria, do investimento no ensino, na atención a dependentes, en políticas de igualdade ou nas prestacións por desemprego”. E a “reforma da lei cidadá e do código penal para criminalizar a resposta e mobilización social”.

Foto-Rafa Quintáns Foto-Rafa Quintáns

Foron baixando ata Galicia, onde “máis de 130.000 galegos e galegas, marcharon a emigración buscando traballo”.

E a comarca centro a maior atención. Esta comarca “na que vivimos instalados na crise permanente”. Peches de empresas, emprego precario (no comercio, asistencia o fogar e a dependencia). Indicadores económicos e sociolaborais (paro, eventualidade, horarios abusivos, ...), por debaixo da media de Galiza, e que se ceban especialmente na muller e na mocidade. Desmantelamento dos servizos públicos: Transporte, Organísmos Oficiais: Facenda, S.S., ISM, no ENSINO, recortes nos centros públicos pero manteñen o financiamento o ensino Concertado da comarca. Deterioro da Sanidade: que ademais dos problemas diarios por falta de persoal e especialidades como pediatría nos centros de saúde, vemos como van acabar convertindo o hospital comarcal (polo que tanto se loitou por él) nun simple ambulatorio”.

Tamén lembraron a falta de infraestruturas e pediron “o remate total da vía de alta capacidade até Brens e a falta de investimentos nesa zona Portuaria, única en toda a comarca cun enorme potencial pero que o desleixo do goberno da xunta fai que a pesar do incremento de tráfico marítimo sigan a perderse postos de traballo”.

Ferroatlántica = Caso práctico do modelo de desenvolvemento

Dia do Traballador en Cee_Foto-Rafa Quintans 2 Foto-Rafa Quintáns

Valoraron o caso Ferroatlántica como “o maior exemplo práctico de modelo de desenvolvemento de característica neocoloniais –esquilmar recursos naturais, mentres emigran os recursos económicos-. SI, FERROATLÁNTICA!, permitir a sobreexplotación e espoliación dos nosos recursos naturais sin que os beneficios repercutan directamente na nosa comarca en investimento para a creación de novos empregos. Beneficios!, que serviron para enriquecer a familia Villar Mir, e potenciar outras empresas do grupo no mundo en detrimento das fábricas da Comarca”.

Unha loita na que o pasado 10 de marzo “dia da clase obreira galega” cunha manifestación histórica nesta comarca, nesta localidade, amosouse un rexeitamento rotundo e multitudinario contra a segregación e venda especulativa e ilegal das nosas centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande”.

Así, con “As nosas centrais non se venden” se pechaba o acto.

Fotos-Rafa Quintáns

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios