A situación laboral dos Bombeiros da Costa da Morte, aínda en folga, chega ao Parlamento
09:10 05/02/14
Mentres os bombeiros da Costa da Morte seguen en folga, cos servizos mínimos activos, iso si, a súa problemática laboral chegou ao Parlamento. Será o BNG o que formulará varias preguntas no Parlamento, poñendo en tela de xuízo a xestión privada dos Parques comarcais de Bombeiros, que consideran "está a degradar as condicións coas que se presta o servizo".
Un dos bombeiros afectados explícanos que seguen negociando o convenio colectivo coa empresa Natutecnia mentres manteñen a folga. "A cousa vai lenta", comenta, anunciando que teñen unha reunión este vindeiro día 6, ao tempo que sinala que dende a empresa lles esixen agora facer traballos de de limpeza e mantemento como cortar a herba.
O que se fai eco da problemática é o BNG ceense, que entende que "a seguridade dos habitantes da Costa da Morte non pode depender da falla de material no parque de bombeiros". E o fai tralo comunicado dos bombeiros do parque comarcal de Cee que participaron nas tarefas de extinción do santuario da Virxe da Barca de Muxía, e no que denunciaban públicamente graves problemas de descoordinación e de falla de recursos, que quedaron de manifesto nas tarefas de extinción do incendio que afectou a este santuario.
Descoordinación no incendio da Barca
Lémbranos o BNG como foi aquel día:Según estas informacións, os bombeiros recibiron o aviso do incendio en torno ás 08:30 horas do 25 de decembro (cando faltaba media hora para finalizar o seu turno de 24 horas). Os tres bombeiros que estaban de quenda sairon cunha dotación composta por un camión nodriza e un vehículo de altura, ao non poder levar o principal vehículo da dotación, por estar sen bomba e sen auga debido a unha avaría de longa duración. As 09:00 horas o persoal de quenda entrante (outros tres bombeiros) disponse a darlle o relevo aos compañeiros da primeira quenda, pero descoñecen onde se atopan e que están a facer, debido á imposibilidade de comunicación telefónica e á ausencia dunha ferramenta de coordinación co 112. Finalmente lógrase información a través do xefe de parque que se desprazara ata Muxía para ver como se desenvolvían as tarefas de extinción. Os bombeiros do Parque de Cee, xestionado pola empresa Natutecnia, denuncian que "durante a intervención vivíronse situacións caóticas debido á ausencia de medios de intercomunicación imprescindibles para a coordinación das actuacións". En primeiro lugar, denuncian que "os tres bombeiros do parque que saían de turno non puidesen contactar con tres bombeiros do turno entrante. A razón é que empresa xestora do Parque, co fin de recortar gastos, deixa un número limitado de equipos de radio que teñen que ser cedidos polo persoal nos respectivos relevos". É dicir, "os tres bombeiros saíntes de quenda que traballaban na extinción, tiñan que ceder os seus equipos de radio aos tres bombeiros entrantes, a diferenza do que ocorre noutros parques, nos que se dota dun equipo de radio persoal e intransferíbel a todos e cada un dos bombeiros a fin de evitar estes incidentes". Os bombeiros de Cee afirman que esta situación provocou problemas de descoordinación que mesmo afectaron á seguridade na realización dos traballos: "Estaba a traballar nun primeiro andar, con moitísima carga térmica, por riba da sacristía e de repente empezáronme a rociar con auga compañeiros doutra agrupación. Abrasáronme!", queixábase un dos profesionais de Cee. Isto débese a que ao mollar os traxes de extinción, cando se traballa por enriba dos 100ºC, prodúcese unha evaporación interna da auga caída sobre a roupa, que pode producir graves queimaduras.Denuncias reiteradas
Ademais, os bombeiros do Parque de Cee, denuncian tamén que "non se está a facer o mantemento e as revisións dos vehículos dentro dos prazos marcados". Estas queixas, que xa no seu día foran notificadas ao Consorcio Contra Incendios e Salvamento de A Coruña, empezan a provocar problemas: "o principal vehículo do parque (o "primeira saída" ou bomba lixeira urbana), é un camión polivalente, que tanto se emprega para extinción, como para rescate ou excarceración. Este vehículo, despois de ficar máis dun mes no taller por un problema na bomba, púxose de novo en servizo sen dito aparello de impulsión de auga, e froito diso non puido ser empregado nas tarefas de extinción". Ademais, "durante os traballos de extinción, a bomba do vehículo nodriza pesado (un vehículo deseñado especificamente para tarefas de extinción), deixou tamén de funcionar, tendo os bombeiros que pasar a empregar as motobombas forestais das agrupacións de voluntarios, e máis a bomba do vehículo de altura, que traballa unicamente a baixa presión, con pouca capacidade de penetración no combustible". Todos estes problemas, segundo denuncian os bombeiros de Cee, son "froito da falta de mantemento ou dun mantemento deficiente por parte da empresa xestora do Parque". Ademais, denuncia o BNG, "a empresa NATUTECNIA, pretende suplir estes déficits de mantemento encomendando estes traballos aos propios bombeiros e non a persoal especializado".Preguntas no Parlamento
Así, O BNG no parlamento formulará as seguintes preguntas para a súa resposta escrita:- Coñece a Xunta de Galiza os problemas de descoordinación e de falla de recursos que denuncian os bombeiros de Cee?
- Non considera a Xunta de Galiza que a xestión privada dos Parques Comarcais de Bombeiros está a degradar as condicións nas que se está a prestar o servizo?
- Vai revisar a Xunta de Galiza o modelo de xestión privada dos parques comarcais?
- Vai, en calquera caso, instar á empresa que xestiona o Parque de Bombeiros de Cee a que corrixa as deficiencias denunciadas polo bombeiros, para asegurar unha correcta prestación do servizo?
Novas relacionadas
- 30-12-13: Os bombeiros critican a falta de recursos pero louban a labor de Protección Civil no incendio da Barca.
- 12-12-13: Os parques de Bombeiros de Cee e Santa Comba amencen con pintadas de protesta.
- 11-12-13: Os bombeiros da Costa da Morte tamén saen á rúa en folga.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).