Un alento dende Cee e Corcubión para abrir corredor humanitario en Gaza
Este mañá de domingo, unha trintena de persoas realizaron unha andaina dende o peirao de Corcubión ata Cee en apoio á Sumud Flotilla que saía na mesma xornada de Barcelona rumbo a Gaza cunha marea de axuda humanitaria.
Foi tras coñecer de primeira man como foi a experiencia en primeira persoa na Flotilla de 2025, amosando o seu apoio a unha expedición de cooperación internacional que leva 10 persoas galegas a bordo.

Este foi o comunicado que leron:
Desde Global Sumud Flotilla Galiza, como delegación propia na Global Sumud Flotilla, queremos compartir convosco unha chamada histórica: a maior intervención civil coordinada en apoio ao pobo palestino realizada até o de agora.
Este 12 de abril de 2026 parte de distintos portos do Mediterráneo unha flotilla marítima coa finalidade de chegar a Gaza, romper o bloqueo ilegal e garantir a axuda vital á poboación civil mediante a apertura dun corredor humanitario. A acción reunirá en torno a 3000 persoas procedentes de máis de 100 países.
O “alto ao fogo” imposto pola entidade ocupante e o imperialismo en outubro de 2025 non só foi incumprido de maneira flagrante polos seus propios promotores, senón que contribuíu a normalizar as duras condicións de ocupación, que se agravaran coa intensificación do xenocidio en Gaza por parte do Estado de Israel en outubro de 2023. Continúa o bloqueo ilegal e ilexítimo do territorio gazatí, ocupado polos sionistas dende 1967. Asemade, as gazatíes atópanse confinadas nunha pequena porción do territorio, mentres as Forzas de Defensa de Israel continúan a matar palestinas, alcanzándose case 700 persoas asasinadas dende outubro de 2025.
O silenciamento mediático dos últimos meses reforzouse coa agresión imperialista a Irán e ao Líbano. Ademais dos ataques perpetrados pola ocupación, as condicións de vida seguen a estar marcadas polo bloqueo da axuda humanitaria ás portas do enclave. E mentres tanto, o proceso de limpeza étnica continúa en Cisxordania coas accións violentas dos colonos, amparados polas autoridades militares e o goberno do Estado de Israel, particularmente os ministros fascistas Itamar ben Gvir e Bezalel Smotrich.
Ante esta situación, unha coalición global, integrada pola Flotilla da Liberdade, a flotilla Sumud e Mil Madleens a Gaza xunto a Rumbo a Gaza, herdeiras das flotillas que se dirixiron a Gaza no outono de 2025, leva meses coordinando unha acción para romper o bloqueo ilegal e xenocida do territorio, tanto por mar como con marchas por terra. A acción vai alén dun xesto simbólico ou dunha resposta puntual a unha emerxencia, pretende abrir un corredor humanitario que rompa o status quo da ocupación. Por iso, na Global Sumud Flotilla participan profesionais da saúde, docentes, persoal do ámbito da enxeñería civil e a bioconstrución, así como equipos de investigación e observación legal.
Nesta acción, como xa se indicou, a Galiza forma parte como delegación autónoma dentro da Asemblea Internacional. Xunto coas numerosas voluntarias que apoiarán a misión dende a nosa terra, alo menos 10 galegas navegan na gran frota que se dirixe a Gaza. Esta é unha mostra máis da solidariedade que leva mostrado a sociedade galega coa loita da Palestina nas últimas décadas, e especialmente coa condena ao terríbel xenocidio perpetrado polo Estado de Israel.
Por iso, como arredor de todo o mundo, en diversas localidades galegas estanse a convocar accións de apoio en torno á partida do domingo 12 de abril: Ferrol, Pontevedra, Viveiro, Ribadeo, Ponteareas, Santiago de Compostela, Corcubión, Vigo, Lalín, Lugo, Redondela e Ourense.
Apelamos a todas as persoas libres que se erguen pola liberación da Palestina a acompañar as mobilizacións e a apoiar a Global Sumud Flotilla ante os ataques do sionismo e os seus aliados imperialistas.
Para denunciar este xenocidio criminal e apoiar a esta grande flotilla solidaria, convidámosvos a exercer a vosa solidariedade respondendo a un chamado urxente, se se producen sabotaxes nos barcos, bloqueos nos portos ou interceptación no mar. As accións rápidas de solidariedade, son cruciais para contrarrestar os intentos de illar ou silenciar esta flotilla.
A nosa preparación e disposición colectivas garante que calquera ataque á flotilla se tope cunha Ola de Resistencia Global, inmediata e visíbel.
