Alumnado e profesorado aprenden a usar a realidade virtual nas aulas con José Dulac
Máis que interesante a visita que José Dulac realizou onte a Cee da man do CFR da Coruña - centro colaborador de Vimianzo. Dulac é un dos grandes referentes en España en tecnoloxías educativas e a súa aplicación nas aulas, ademais de ser un dos maiores expertos en realidade virtual e aumentada que hai no pais. E así o comprobou o alumnado da ESO do IES Fernando Blanco así como o profesorado do mesmo centro e do veciño Agra Raíces.
José Dulac co mestre Serxio Iglesias no IES Fernando Blanco
Dulac impartiu un obradoiro STEAM (Science, Tecnology, Engineering, Arts e Maths) aproveitando a figura de Leonardo da Vinci para introducir a rapazada no mundo da ciencia e a enxeñaría e o gusto pola investigación a través de ologramas, imaxes 3D, drons e robots. “Os rapaces estaban emocionados facendo que voara o parafuso voador de Leonardo ou conseguindo construir unha ponte de madeira con uns cuantos paus”, cóntanos un dos organizadores, Pedro Lado.
Pola contra no obradoiro para o profesorado, centrouse máis na didáctica e metodoloxías máis axeitadas para o uso da tecnoloxía na aula e como sacarlle o máximo proveito. Ademais fixo especial fincapé no uso da realidade virtual e aumentada. Ao igual que os rapaces, o profesorado quedou encantado e xa está pensando en aplicar na aula algunhas das técnicas comentadas no obradoiro.
Dulac tamén está a impartir un curso sobre "realidade aumentada e realidade virtual aplicada ao ensino" no centro colaborador do CFR Coruña en Vimianzo.
Novas de formación do profesorado
- O docente máis innovador de España trae aos centros da Costa unha metodoloxía eficaz para resolver conflictos nas aulas.
- A experta en creatividade infantil Angélica Sátiro impartiu unha charla en Dombate promovida polo CFR da Coruña.
- Os Directores do CEIP Os Muíños e o IES de Baio tamén se forman de Erasmus en Polonia.