Martes. 26.03.2019
El tiempo

As Buseranas pechan un histórico 2018 na loita feminista na Costa da Morte

As Buseranas pechan un histórico 2018 na loita feminista na Costa da Morte
25N cas Buseranas en Cee-Foto-Rafa Quintans 25N cas Buseranas en Cee-Foto-Rafa Quintans ”Nunca tantos centros de ensino, concellos, agrupacións deportivas, etc. fixeron públicos apoios á loita contra a violencia de xénero. Si. A campaña "en negro" está sumando concellos que antes non se pronunciaban. Pasos importantes, que non deben quedar niso. Visualizouse máis ca nunca o rexeitamento. Iso é bo. Hai que continuar con políticas efectivas de apoio e protección ás vítimas, por unha banda, cunha educación explicitamente non sexista, e co rexeitamento individual e social dos comportamentos que sustentan a violencia”. Así de positivo é o balance que fan dende a Organización Feminista Buserana desta conmemoración este histórico 2018 na loita da muller (cómpre lembrar tamén o importantísimo 8 de marzo pasado). O colectivo costeiro pechaba a completa semana adicada en toda a bisbarra ao 25N co acto central, da man da Marcha Mundial das Mulleres. Era o propio domingo 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e xusto como preludio da chegada do temporal, cando as buseranas, apoiadas por unha veciñanza cada vez máis comprometida, se xuntaba na Praza 8 de marzo de Cee. 60 camisas lilas na praza 8 de marzo polas 60 asasinadas por violencia de xenero no que vai de 2018 60 camisas lilas na praza 8 de marzo polas 60 asasinadas por violencia de xénero no que vai de 2018-Foto-Rafa Quintáns Deu tempo antes do temporal a que Cris Ledo e Chicha Cosal leran o manifesto, dando paso a unha marea de mulleres que foron poñeno nomes e historias ás 60 asasinadas que deixa, polo de agora, esta enfermidade social este ano por todo o estado. Invitaron ademais a toda a veciñanza a participar na inauguración do seu primeiro local en “18 anos de traballo e de denuncia, de crecemento no feminismo”. A cita será este xoves 29, ás 20.30, no segundo andar do Agra vello.

Manifesto Buserana

Cris Ledo e Chicha Martinez leron o manifesto de Buserana-Foto-Rafa Quintans Cris Ledo e Chicha Martinez leron o manifesto de Buserana-Foto-Rafa Quintáns Quizais sexa unha quimera pensar que chegará un día no que o 25 de novembro non sexa unha data especial, non teña un significado concreto, nin debamos xuntarnos para lembrar que hai mulleres que son asasinadas polas súas parellas ou ex parellas. Que hai crianzas que morren a mans dos seus pais só para castigar as súas nais, esas mulleres que un día, fartas de malleiras, maltrato psicolóxico e desprezos, deciden dicir "basta!, e iso finalmente acaba custándolles a vida. Non parece que ese día estea preto, abonda con ver o número de vítimas ano tras ano e a indiferencia que provoca. Apenas un titular nun medio local, un minuto de silenzo no mellor dos casos e o perpetuo abandono institucional no que se sume á violencia de xénero. Vén estes días de ser reafirmado no seu cargo un xuíz que insultou e fixo mofa dunha vítima de maltrato, xusto ao remate do xuízo e antes sequera de quitar a toga que supostamente debería acreditalo na imparcialidade e na xustiza. As súas chanzas foron públicas grazas a unha gravación accidental e xa é grave que as faga un xuíz, pero máis se cabe un xuíz adicado e formado para  xulgar casos de machismo e violencia contra as mulleres. O eterno raposo no galiñeiro. Só denota o pouco que toman en serio que maten mulleres: que sexan acoiteladas, tiradas por barrancos, queimadas ou que lles peguen un tiro. Con demasiada frecuencia diante dos seus fillos e fillas, orfos xa de por vida que irán a escola e seguerán sen ter medios para educarse no que significa o machismo, as súas consecuencias e o perigoso de banalizalo. A Educación é a base da formación que pode erradicar estes comportamentos, o compromiso serio de chamarlle as cousas polo seu nome e non buscar eufemismos cando falamos de asasinatos machistas. Non ten outro nome. Coma non o ten cando unha muller pide axuda e só atopa atrancos, para despois sorprendernos cando o seu nome aparece nesa lista infausta de vítimas e coñecemos que denunciara, pero que non obtivera ningún tipo de medida de proteción e, ás veces, nin sequera un mínimo de comprensión. Non é suficiente que dende 2003, ano no que se empezaron a contabilizar as vítimas de violencia machista, haxa, oficialmente, 971 mulleres asasinadas; 27 nenos e nenas nos últimos cinco anos. Neste 2018, houbo días aterradores nos que mataron ata tres vítimas en menos de 24 horas. Nais e fillos sucumbindo baixo o atroz machismo que non atopa máis resposta que un lazo negro ou algunha cínica proposta que sabemos que nunca fructificará.  Cada 25 de novembro todas somos vítimas, porque todas somos mulleres e chega con mirar arredor para sentir puro arrepío. A prostitución no debate de se legalizar ou non, porque despois de todo somos mercancía e porque non ía o Estado a beneficiarse e cobrar os portes da transación. Mulleres rifadas en locais coma vacas nunha feira e con medios de comunicación que o publicitan por unhas cantas moedas de prata. Mulleres que nunca medran nas súas profesións porque os seus xefes sempre van promocionar ós homes, que non teñen familias que coidar porque para iso casaron. É cousa delas. Machismo dende a tenra mocidade, onde, a falla dunha educación rigurosa en igualdade, está Internet e a pornografía, e ese submundo será a única escola sexual que moitos coñezan, onde os homes non precisan consentemento e sempre dominan ás mulleres. Así medran as manadas. E aquí deberemos seguir cada 25 de novembro, erguendo a voz e laiándonos, sí...pero tamén celebrando as que somos e estamos. Porque só de nós, de todas nós, depende que todo cambie. Moitas grazas a todas as que hoxe fixestes posible este acto, dando voz ás mulleres que xa non a teñen. Moitas grazas ao grupo de teatro que nos acompañou. E grazas a todas e todos por estar hoxe aquí!!!  

25n en Carballo

25N en Carballo Carballo foi un dos poucos concellos que deixou a concentración municipal para o día propio, o que dá conta tamén da implicación dos seus membros, que non só se concentran en días laborables. Ás 12:30h convocaban a toda a veciñanza para ler estoutro manifesto: 25 DE NOVEMBRO: Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e as nenas A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación, sempre desde o respecto ao réxime de distribución competencial en todas as accións que se desenvolvan, posto que o traballo que se realiza para conseguir a súa erradicación implica a multitude de axentes, tanto dende o sector público como dende o privado. Para iso, necesítase un consenso institucional, político e social que mostre, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade galega para alcanzar acordos que permitan avanzar na erradicación da violencia contra as mulleres e as nenas. A violencia contra as mulleres e as nenas non diferencia culturas, idades, crenzas relixiosas ou clases sociais. Está presente en todas as sociedades do mundo, sexa cal for o seu sistema político ou económico. É, probablemente, o exemplo máis universal da violación dos dereitos humanos. Segundo Nacións Unidas, cada 18 segundos unha muller é maltratada no mundo, e polo menos unha de cada cinco sofre ese maltrato no seu propio fogar. No que vai de ano, 60(23/10) mulleres foron asasinadas por violencia machista no Estado Español. En pleno século XXI non hai nin un só país no que mulleres e homes teñan as mesmas oportunidades.E esa desigualdade é o principal obstáculo para erradicar a violencia de xénero. Por iso, desde o Concello de Carballo, todas e cada unha das persoas que formamos parte desta corporación municipal, expresamos neste 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e as nenas o noso firme compromiso coa prevención da violencia sexista, a través da educación e a sensibilización social, tratando de implicar a todos os sectores e a toda a poboación. Este ano producíronse grandes cambios na sociedade. O 8 de marzo marcou o punto de inflexión preciso para empezar a mudar os esquemas machistas que seguen reproducindo as relacións de poder e opresión sobre as mulleres e as nenas. Neste mesmo contexto de loita contra as desigualdades saímos á rúa en solidariedade coas vítimas de violencias machistas e para amosar a nosa repulsa ás agresións sexistas. Este ano queremos poñer o foco de atención nas agresións sexuais como unha expresión máis das desigualdades. A loita contra a violencia machista ten que empezar por identificar e visibilizar todas as formas de violencias exercidas contra as mulleres e as nenas, combatindo calquera forma de violencia de xénero: física, psicolóxica, económica, sexual e a trata de mulleres e nenas explotadas sexualmente, debe ser unha cuestión de Estado, xa que a violencia contra a muller constitúe unha violación dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais. As mensaxes sexistas, o uso da muller como obxecto de desexo, o acoso como elemento de achegamento sexual só contribúen ao aumento das agresións e da violencia sexista. Non podemos consentir que esta situación siga manténdose. Debemos poñer, todos e todas, o máis enérxico empeño en romper esta dinámica criminal e na protección das vítimas. Por todo iso, a corporación municipal de Carballo, en representación dunha sociedade que rexeita a violencia sexual, adopta o seguinte acordo: As mulleres e as nenas teñen dereito a vivir sen violencia. Rexeitamos, polo tanto, calquera tipo de violencia exercida contra elas e condenaremos publicamente calquera manifestación de violencia machista. Apoiaremos ás vítimas, poñendo á súa disposición os medios ao noso alcance e esixindo das Administracións competentes a dotación dos medios policiais, xudiciais e sociais precisos para garantir a súa seguridade. O Concello de Carballo seguirá traballando na prevención, a través da sensibilización dende a infancia, para intentar evitar que se sigan reproducindo os esquemas patriarcais que conducen á violencia sexista.

O Círculo Feminista

Tamén en Carballo, á hora do vermú, as mozas do Círculo Feminista realizaron esta impactante acción," Poderán silenciarnos durante un tempo, pero non poderán calarnos para sempre". https://www.facebook.com/evapatinogesto/videos/10215616114229980/?t=8  

Unha marea contra a violencia machista en Corcubión

De entre as accións da volta, cómpre destacar tamén os talleres que viu realizando Mimadriña nos centros de ensino de Corcubión, e que remataron con este fermoso mural. 25N Corcubion con Palmira Miramadrina Mural polo 25N creado en Corcubiñn con Palmira Miramadriña

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/25n-isto-tamen-vai-contigo/ https://quepasanacosta.gal/25n-concellos-e-escolares-demostran-a-maior-implicacion-da-costa-da-morte-na-loita-contra-as-violencias/ https://quepasanacosta.gal/o-cole-de-dumbria-celebra-o-25n-dende-a-radio/

Máis novas

https://quepasanacosta.gal/8demarzo-a-costa-da-morte-saiu-a-rua-con-mais-forza-ca-nunca/ https://quepasanacosta.gal/a-costa-da-morte-colgouse-o-cartel-de-espazo-libre-de-violencias-machistas/
Comentarios