Domingo. 22.09.2019
El tiempo

As choivas abren vellos temores e en Cee

As choivas abren vellos temores e en Cee
Aparaceron ratas tralas inundacións en Cee Aparaceron ratas tralas inundacións en Cee

Logo de varios anos de traballos intensos en todo o casco urbano, a vila de Cee vivíu estes días uns episodios perigosos. Perigosos polo que nos trouxeron de volta á mente, en tanto que a primeira tromba de auga do curso, de apenas 20 minutos (arredor da 13:00h), sacou mesmo ás ratas dos sumidoiros. Non só as ratas sufriron. Baixos comerciais, garaxes, rúas abnegadas... unha morea de danos que lembran aquelas riadas do outubro 2006, polas que comezaban todas estas eternas obras de canalizacións dos ríos Ferrol, Cee e Toba.

Estas pesadas obras de canalizacións son unha boa mostra do "como facemos" na Costa da Morte. Un recheo artificial, un recheo de milleiros de metros cadrados inventados polo home, e que, por falta de criterio urbanístico, convertiuse nun problema máis que nunha solución. Así, logo de varios anos de traballos cambiando a fachada da vila, outros tantos aguantando estas obras que supuxeron un montante total de 2,5 millóns de euros, sufragados, iso si, polo Ministerio de Medio Ambiente.

Danos entre os roedores

O medo, máis que os feitos en si, é o que onte se puido palpar nalgúns veciños, especialmente na zona da rúa L, que partindo desde o Kiosko A Junquera tamén discorre fronte ao bar A Taberna e Gadis para confluír na Praza do Concello camiño da rotonda, lugar onde conflúen as canalizacións dos 3 ríos. Precisamente fronte ao Kiosko e a tenda de modas de Rosa Lamela, que tanto sufriu as inundacións no pasado, foi un dos puntos onde as augas, procedentes da Armada, irromperon con máis saña ata desembocar nun pequeno geiser de augas fecais e ratas.

Para o rexedor de Cee, Ramón Vigo Sambade, a presenza das ratas, máis aló da anécdota, non debe tomarse como algo alarmante senón puntual, pois, como el mesmo sinala, "o Concello xa ten contratada unha empresa para a desratización e desinfectación periódica. Do que non somos capaces, indubidablemente, porque senón non habería ratas no mundo, é de erradicalas completamente. Nunha circunstancia como esta, está calro, o que fixeron foi buscar unha saída para salvase a súa vida".

Problema público e privado

Un dos aspectos que máis preocupou ao alcalde de Cee e saber de quen foi a responsabilidade de que se viran escenas como a da rúa L, onde 2 baixos sufriron pequenas inundacións e diversas arquetas rezumaron unha mestura de lodos e augas fecais que houberon de ser lavadas por unha cuadrilla de 5 operarios e unha motobomba.

O primeiro que fixo Vigo realizar unha exhaustiva investigación para determinar canto de responsabilidade nos danos tivo a administración pública e canto as propias irregularidades do saneamento das vivendas e locais particulares. "Eu, pola mañá, xa dei orde ao Grumir e aos Técnicos para que dilucidasen con claridade, nos puntos onde ocorren estes problemas, ata onde chega a responsabilidade pública, en canto a posibles deficiencias que puidese haber nas actuacións que se fixeron ou algunhas que non se contemplaron, e ata onde chega a responsabilidade no ámbito privado por defectos de construción. Haberá que dilucidalo e non sempre clamar contra o Concello cando xorden problemas deste tipo".

"Non hai risco"

A pesar dos problemas destes días, o alcalde califica de "sobresaliente" a resposta dada polas infraestruturas do Concello.. Vigo declarou que a poboación ten que asumir que, en situacións de choiva intensa poden presentarse problemas na localidade, "pero é evidente que o risco de que volva repetirse a catástrofe das inundacións do 2006 parece ser que non existe. Os problemas que xurdiron non teñen nada que ver coas obras que se realizaron (de canalización dos ríos Ferrol, Cee e Toba), ao contrario, porque ver a canle de Cee practicamente baleiro, coa choiva que estaba caendo, xeraba tranquilidade máis que calquera outra cousa".

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Fotografías do Diario de Bergantiños, da man de Manuel Sambade.
  • Información achegada polo Diario de Bergantiños.

Comentarios