Martes. 15.10.2024
El tiempo

As loitas polo Grumir continúan abertas dende Fisterra a Vimianzo pasando por Cee

As loitas polo Grumir continúan abertas dende Fisterra a Vimianzo pasando por Cee
Unha operaria do Grumir de Vimianzo lendo o manifesto na concentración

Xa contamos que o novo mapa de emerxencias de Galicia esquece as comarcas de Soneira e Fisterra, substituíndo as actuais sedes dos Grumir de Cee e Vimianzo polos novos GES de Ponteceso e Muros. Os movementos municipais xa son unha realidade na capital de soneira e na vila da Xunqueira se ben parece que os vimianceses están algo máis activos.

De feito, xa conseguiron unha entrevista co Vicepresidente para este xoves 28, tras varias mobilizacións, como foron a manifestación na praza do Concello ou a peregrinaxe ata Compostela, suspendida a medio camiño ante o anuncio de Rueda. Sen embargo, en Cee, e tras aprobar unha moción por unanimidade no pleno, a cousa quedou algo parada. Ou alomenos así o entende o BNG, que pide ao goberno unha "maior defensa do Grumir".

O Distrito V - Fisterra apoia o mantemento do Grumir de Vimianzo

Os apoios seguen sendo fundamentais. E un total de 45 traballadores do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais do Distrito V- Fisterra, asinaron unha carta de apoio ao GRUMIR de Vimianzo alegando unha serie de factores que os levan a posicionarse en contra do desmantelamento da base existente en Vimianzo e da creación dunha nova en Ponteceso.

Nesta carta, entregada ao alcalde de Vimianzo, destacan o destacado traballo do GRUMIR en canto a incendios forestais:

  • “O GRUMIR de Vimianzo forma parte dun operativo contra incendios forestais onde se traballa cunha zonificación e territoriedade que non concorda coa nova situación onde se pretende ubicar a base, situando a nova base fóra do Distrito V – Fisterra (Vimianzo, Camariñas, Zas, Dumbría, Muxía, ...) e incluíndo esta base dentro do Distrito II (Bergantiños e Mariña Coruñesa). O Distrito V queda deste xeito mermado, xa que na extinción de incendios é necesario o traballo de persoal cualificado, que coñeza a zona onde se desenvolve o traballo de prevención e extinción. A isto hai que engadir os medios materiais cos que conta o GRUMIR de Vimianzo, entre os que se inclúe a única motobomba en bo estado para levar a cabo a extinción de incendios, motobomba coa que actúa o Distrito”.

Continúa o escrito facendo fincapé na argumentación que se expón desde a Xunta para xustificar o traslado da base: a cobertura do territorio polos parques de bombeiros, o que os asinantes contraargumentan aclarando que “os bombeiros non actúan non caso de incendios forestais, polo que quedaría todo o territorio dependente do Distrito V sen operativo de GRUMIR e protección civil”.

O BNG de Cee pide máis accións

Pola outra banda, en Cee, é o portavoz do BNG de Cee, Serxio Domínguez Louro, o que solicita "a equipa de goberno de cee unha defensa mais forte da base do Grumir no noso concello. Consideramos que non é suficiente co que se está a facer, unha simple moción, e agora unha entrevista con Rueda grazas as reivindicacións axeitadas doutros concellos, non son para nada suficientes".

Ademais, sinala que "o parque de bombeiros non vai poder sustiuir ao Grumir en todas as actuacións as que eles ate o de agora acudían, e tendo en conta que Cee conta con numerosos servizos coma o hospital, o porto de Brens, os centros asistenciais, etc..., fai máis incongruente tal medida. Tanto Cee, coma a comarca de Fisterra, van quedar totalmente ailladas no novo mapa".

Denuncian que ademais a decisión implica o incomprensible "desmantelamento da base de Cee, plenamente dotada de medios ao longo de todos estes anos, e que conta con persoal experimentado e formado plenamente e créase unha nova base onde non se conta nin con medios, polo que aumentará o custe, nin con persoal con experiencia e formación". Así, á loita, ademais, únese a defensa dos 12 postos de traballo actuais.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios