Xoves. 28.03.2024
El tiempo

“Cambiaría moito a cousa que a xente fose saíndo do armario”

“Cambiaría moito a cousa que a xente fose saíndo do armario”
Mon Lendoiro é un importante activista cultural Coa sinxela intención de falar, con naturalidade, do mundo homosexual na Costa da Morte, falamos con varias persoas que teñen saído do armario e teñen afrontado unha realidade máis común do que parece. Nunha bisbarra na que os avances sociais tardan en convertirse en norma, faise necesario alzar a voz con sinceridade para sacar do baúl e traelo á palestra, ao escenario. E para facelo facemos cunha das voces que máis espontaneidade lle bota da Costa da Morte. Importante activista cultural en Carballo, Mon Lendoiro é o modelo de sinceridade que cómpre seguir. “Eu estou fóra do armario dende hai moito tempo, como digo eu, estou fóra do chinero”, conta entre risas. “De feito, eu creo que nunca estiven no armario, sempre fun así, e é certo que algunha xente que non lle gustaba, que non me entendía, ou que se lle ía a pinza, pero non me importaba demasiado”, explica. Mon, de feito, ten parella, e todo o seu entorno así o sabe e así o vive coa maior das “normalidades”, a peza clave para que a xente se vaia acostumbrando a esta evidente realidade. Recoñece en todo caso, que “home si, algunha vez pásalo mal. Sendo como son do 71, durante aqueles anos as cousas eran máis difíciles. Eu crecín en Carballo, e comigo téñense metido moito, mesmo nenos que non querían recoñecer que eran gais. Onde mellor me atopaba era rodeado de mulleres, porque me respectaban doutro xeito. A muller é máis comprensiva, e os nenos teñen que ser máis “machos”, seguindo os estereotipos. Pero é como todo, é educacional, e gracias a Dios, as tornas e a cultura van cambiando. É diferente a miña experiencia a deses nenos que tes agora. A educación da escola vai cambiando e sobre todo, hoxe en día tes internet. Eu lembro que de pequeno buscaba exemplos máis alá do meu entorno, e agora a golpe de click teñen o mundo enteiro por aprender”. Valora ademais que “os pais de hoxe non son os pais de hai 30 anos, aínda que hai pais aínda moi conservadores e católicos…”. De feito, moita parte da culpa de que a mocidade siga metida no armario é das familias. “Os papis queren ter o fillo perfecto, que sexan como Ronaldo ou Messi, e ás veces non entenden que o seu fillo ten que ser el mesmo”. Habituado a tratar coas crianzas no mundo da ensinanza, explica que “teño certos nenos que non se atraven a falar certos temas, e creo que van saír do armario no futuro, pero son procesos que teñen que pasar, eles me van preguntando cousas. Eu fago que os nenos non ofendan ás persoas por ser diferentes”. Nese sentido, corrobora que hai que seguir “loitando contra o machismo, que mesmo existe dentro do propio colectivo homosexual. Ese “Busco chico que non teña pluma” non é máis que un exemplo de homofobia”, lamenta. En todo caso, asegura que “a sociedade vai cambiando moito, pero aínda ten moito que cambiar, en moitos eidos”, valora pensando na falta de eduación sexual na mocidade. “Moitos rapaces e rapazas de hoxe aínda son moi cazurros en temas de sexualidade. E hai un mundo enteiro con moitas variantes igual de respectables. A sexualidade é algo persoal, e inflúen dende o teu entorno, a túa familia, a túa educación…” Sobre a realidade social costimorteña, parece que é máis doado saír do armario fóra da bisbarra. “A maioría da xente non se arrisca no seu propio pobo, e prefire marchar. Pero bueno, eu coñezo xente que saíu do armario e que fai vida en Carballo. Tamén hai xente que segue no armario e outra que marchou”. Lugares como Coruña son un exemplo de como na esquina de Europa pode chegar a normalidade. Hai espazos onde o colectivo LGTB se reúne sen tabúes. Non así na Costa da Morte. “Aquí, non hai un sitio onde quedar porque non hai ninguén que se atreva. É o mesmo que co tema artístico, pero é o de sempre, ten que haber que empece e a partir de aí xa irá saíndo. Tampouco se trata de facer un getto, trátase de tratar os asuntos con total normalidade, a través da educación sobre sexualidade, comprendemento, respecto e a aceptación da diversidade, e que se faga como algo normal, natural”.

”Cambiaría a cousa se a xente fose saíndo do armario”

APP Grindr Pantallazo da APP Grindr con varios perfís da nosa comarca Así o recoñece, dende o anonimato, un veciño de Dumbría. I é que dar o paso, no rural galego, de recoñecer a túa homosexualidade entre os amigos e a familia, non é aínda doado. “É complicado”, recoñece, pois a pesar de que todo o seu entorno xa o sabe, é consciente de que dar demasiado a cara pode ser contraproducente. ”Eu vivo fóra e a cousa é certo que é máis fácil noutros sitios, como Suiza ou mesmo na Coruña. Pero a verdade é que a cousa cambiou moito no eido rural de Galicia, e máis ten que cambiar. Por iso me gustaría que a xente vaia saíndo do armario para ir naturalizando a cousa”, explícanos. Verdadeiramente falamos dunha realidade eternamente silenciada na Costa da Morte. “Aquí na zona aínda hai moita xente que non dan o paso, polo medo a ese “que dirán” que sempre pasa no rural”. E dio con coñecemento de causa, pois sabe de moitos rapaces que están nesa situación, agochando a súa condición a todo o seu contorno. “Os que coñezo de por aquí sempre queren agocharse”, comenta, e “se dan o paso de saír do armario fano sempre primeiro cos amigos, e despois, non sempre, coa familia”. En todo caso, recoñece que nunca sufríu insultos nin ameazas, e valora que a xente cambiou bastante nos últimos anos. Ademais na zona non hai ningún punto de encontro como pode haber en cidades como a Coruña, onde todo é moito máis fácil, non só polo respecto xeralizado senón pola presencia deses sitios onde podes ir tranquilo a tomar algo e coñecer xente. Para coñecer xente moitos utilizan a APP Grindr, onde pola volta hai máis dunha trintena de mozos que buscan encontros persoais máis ben discretos. E non falamos de ter relacións estables… “Aquí é case imposible”, asegura. “Onde vivo non teño parella pero creo que é máis fácil”.

Fonte

Comentarios