O entroido xa chegou ás escolas unitarias de Cee
O entroido é por excelencia unha das datas máis agardadas do ano e xa está con ducias de citas por toda a Costa da Morte que se concentran principalmente durante a fin de semana.
Aínda así nalgúns sitios xa se puideron ver algunhas comparsas. Tal é o caso do CEIP de Brens e da Escola de Educación Infantil da Pereiriña - EEI da Pereiriña -, coñecidas como as unitarias de Cee, onde celebraron onte xoves as comparsas de entroido. A temática elixida foi a de Axentes Forestais que se inclúe nun proxecto realizado conxuntamente e coa colaboración de Axentes Mediambientais do distrito, a asociación Boca de Sapo, a Axencia Galega de Industria Forestal (XERA), entre outros, co fin de dar a coñecer o valor dos nos bosques, a riqueza de fauna e flora, a importancia do seu coidado e protección.
Os máis pequenos cantaron e escenificaron diante das familias varias cancións relacionadas co tema en galego e castelán "Ecoloxistas", "As árbores da fraga", "El bosque no se puede quemar", "A reforestar" e "A rumba das árbores". A festa continuará hoxe nas unitarias de Cee cun baile de disfraces e degustación de larpeiradas varias.