Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Comezan os traballos de roza e limpeza do polígono de Cee

  • Os traballos de mantemento iniciáronse o pasado venres, a cargo da empresa ‘Construcións Juan Lago S.L.’
  • Supoñen un investimento próximo aos 6.000 euros.
Limpieza Cee poligono
Imaxe dos servizos de limpeza no polígono de Cee
Comezan os traballos de roza e limpeza do polígono de Cee

Os traballos de limpeza e roza do parque empresarial de Cee iniciáronse, conforme estaba previsto, o pasado venres e reforzáronse durante hoxe luns, cumprindo así os prazos establecidos. Suelo Empresarial del Atlántico contratou á empresa ‘Construcións Juan Lago S.L.’ por un importe de 5.991 euros, quen xa desprazou a maquinaria precisa ao parque empresarial e comezou a roza e a limpeza das parcelas que non están ocupadas. Tamén se encargará da xestión da biomasa vexetal que se xere con estas tarefas.

Desta forma, cúmprese o compromiso que a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, adquiriu na reunión que mantivo o pasado 11 de setembro coa alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, para impulsar o polígono industrial. Como primeira medida, procedeuse a esta contratación, co obxectivo de manter os terreos en condicións óptimas e poder “impulsar e favorecer o asentamento empresarial nun espazo estratéxico da Costa da Morte”.

O polígono de Cee está desenvolto sobre unha superficie bruta de 201.782 metros cadrados, dos que algo máis de 106.000 destínanse a parcelas de distinto uso. É un dos 13 que SEA, dependente do Ministerio de Fomento, xestiona en Galicia. En paralelo, a entidade tamén continuou coa promoción do polígono industrial e as xestións necesarias ante distintos sectores empresariais e económicos, encamiñadas a incrementar a implantación de empresas nunha área industrial estratéxica para a comarca.

O contrato de limpeza e roza asinado para Cee súmase aos que SEA subscribiu neste 2019 no marco do seu plan de fomento e promoción dos parques industriais que xestiona. Neste último ano acometeuse así a limpeza das parcelas industriais de Mondoñedo, Catoira, Laracha, Malpica, Monforte, Vimianzo e Rianxo, así como do espazo do que dispón no Rosal. 

Comentarios