De Dumbría a Muxía ou Cee para ver o pediatra
07:35 17/11/18
Primeira concentración en Dumbría por un servizo decente de pediatría
Seguimos en ruta pola bisbarra en busca do noso pediatra… Pero o positivo é que se van tecendo redes de axuda na loita social. Vimos como xentes de Zas apoian as reivindicacións das familias de Muxía; e sabemos dos contactos das familias muxiás con outras afectadas pola semellante situación co servizo de pediatría en Dumbría.
Precisamente hoxe falamos cunha das nais afectadas do concello dumbriés. María Leis vén de presentar unha reclamación no Centro de Saúde da localidade, sendo unha das primeiras en facelo, pero non en preocuparse pola situación.
Unha situación xa, de forma xeral, lamentable, cun servizo de pediatría semanal ordinario só durante os martes e xoves, pois comparten o profesional (puericultor, que non pediatra de especialidade) compartido con Muxía, a onde vai luns, mércores e venres. Un servizo que obriga ás familias a que, se a nena/o pasa unha mala noite de martes, teña que pedir cita e desprazarse ata Muxía, ou a Cee en caso de enfermidade.
O caso é que, como acontece en Muxia, as vacacións (“un puntual proceso de oposicións”, segundo a Área Integrada da Coruña), provocan novos desaxustes no servizo nesta recta final de ano.