Sábado. 12.10.2024
El tiempo

Denuncian o recorte de persoal a pesar das aparentes boas cifras do Porto de Brens

Denuncian o recorte de persoal a pesar das aparentes boas cifras do Porto de Brens
Traballadores no Porto de Brens-Foto-David Trillo Gallego

As cifras avalan o porto de Brens, como vimos a semana pasada. A Xunta non deixa de dar datos de movemento de mercancías que fan pensar que o porto ceense é dos máis potentes de Galicia. Sen embargo, parece que este tráfico non repercute nos postos de traballo.
"E paradóxico que Portos cada 3 meses anuncie o importante incremento de actividade portuaria e o movemento de mercadorias no Porto de Brens, cando isto non repercute, nin na creación de emprego, nin no mantemento do actual cadro de persoal de estibadores do servizo público", denuncian dende a CIG.

Informan ademais que "dende o ano 2005, cando foi asinado o último pacto regulador das condicións de traballo, veuse reducido significativamente o cadro de persoal do servizo público de estiba dos 21 traballadores até 4 traballadores actuais".
Lembran que "Portos ten asinado coa representación legal dos traballadores e empresas cargadoras (Ferroatlántica e CAVISA) o compromiso de mantemento de plantilla e fixando nun mínimo de 11 estibadores para dar cobertura as necesidades do servizo, curiosamente, antes da ampliación do peirao de Brens e polo tanto do importante incremento de actividade".

Por iso, a pesar deste importante incremento da actividade ("do que Portos non se cansa de facer propaganda", critican) no cadro de persoal quedan só 4 estibadores o que "incluso repercute negativamente na conta de resultados de Portos, xa que ademais das tarifas portuarias e servizos que se prestan (atraques …etc) tamén se factura as empresas operadoras pola hora de estiba e desestiba que forman parte dos beneficios que o ente se embolsa".

Consideran, e así o teñen denunciando ante a Dirección de Portos (con numerosos escritos), a Inspección portuaria (que levantou acta correspondente) e Inspección de Traballo (pendente de contestación) que Portos está incurrindo en "ilegalidades e falta de cumprimento dos acordos, entre outras, por non designar traballadores portuarios para os distintos traballos que se realizan nos portos e permitir operar a empresas que o noso entender non están acreditadas para operar nos recintos portuarios, coa conseguinte neglixencia por parte dunha administración, de non facturar ou recaudar estos traballos".

E como, indican, "Portos négase dende o ano 2007 a renegociar o pacto regulador e de cumprir os acordos suscritos de mantemento de plantilla esperando que de maneira natural, por xubilacións e outras causas a plantilla se extinga", avisan que a CIG, que ostenta a representación legal dos traballadores non descarta emprender accións legais contra Portos e as empresas suscriptoras do Pacto".

Novas relacionadas

Comentarios