“Á EsCEEna vaise consolidando como unha das citas teatrais de referencia dentro do panorama teatral galego”
Rematou a quinta edición de Á EsCEEna! con máis de 1.500 espectadores, o que supón un aumento respecto ó ano pasado dun 18%. Unhas cifras que devolven xa a vila da Xunqueira nunha das capitais do teatro galego, esa capital cultural que xa foi durante os 25 anos da Mostra de Teatro de Cee, finada en 2012.
É Víctor Castiñeira, técnico municipal, o que quere devolverlle a relevancia á súa vila, e tras 5 anos, este programa Á EsCEEna xa parece absolutamente consolidado.
Así o demostra o feito de que o auditorio Baldomero Cores da Casa de Cultura rexistrarse dous cheos cas representacións das obras de Talía Teatro (Vida de cans) e Contraproducións (Commedia).
Nas restantes obras, houbo moi boas entradas, rondando sempre os 200 espectadores por función. “Desde o concello de Cee queremos agradecer a boa acollida que tivo esta edición tanto por parte do público ceense como do nutrido grupo de espectadores doutros concellos próximos e turistas, en xeral”, indica o propio Castiñeira.
”Paseniñamente e sen facer moito ruído, Á EsCEEna! vaise consolidando como unha das citas teatrais de referencia no mes de agosto dentro do panorama teatral galego. Nestas cinco edicións pasaron por Cee as obras máis premiadas e un importante elenco de directores, actores e actrices que se levaron unha gran impresión do noso festival”, reflexiona.
Recoñece que “é moi díficil salientar algunha obra este ano xa que todas estiveron a un altísimo nivel pero aínda así e pola gran acollida que tiveron do público, as obras “Bernarda” de Malasombra e “Concerto Con Fusión” de Píscore merecen unha mención especial. Esta última, que tivo que sustituír á programada “Papar sen cancelas” por enfermidade dun dos actores, foi a culminación dunha semana de teatro con maiúsculas”.
En todo caso dende o Concello son “conscientes de que aínda hai que mellorar cousas de cara a vindeiras edicións, seguiremos a traballar para, alomenos, manter o nivel deste ano 2019”.
Peche teatreiro
Para pechar as citas do Auditorio, este luns 26, chega a represntación de A Casa DE Bernarda Alba, pola Escola Municipal de Teatro (grupo Xuvenil), nunha Adaptación da obra de Federico García Lorca. Baixo a dirección: Toño Casais, actúan Ana Oca, Mariña Lestón, Marta Vérez, Adriana Castiñeira, Saray Pérez, Paula Trillo, Nerea García, María Caamaño, María Sendón, África Haz, Daniela Alves, Marina Calo e Julia Lema.
Rematou Á EscEEna! pero o Agosto Cultural segue… na rúa
Esta semana, do 27 ó 30 de agosto, as citas coa Animación de rúa na Praza da Constitución no marco do programa Cultura no Camiño 2019 (a partir das 20:15):
- Martes 27 ás 20.15 horas: MAXIA CÓMICA, a cargo da compañía Les Artuáns. Dos creadores Antuan de la Cream e Arturo Nono, agora unidos nun mesmo show, nace Les Artuans.
- Mércores 28 ás 20.15 horas: CÓDIGO. Espectáculo de maxia de Dani García.
- Xoves 29 ás 20.15 horas: SONÁMBULO, de Antón Coucheiro.
- Venres 30 ás 20.15 horas: OH!LIMPIADAS coa compañía Sincronacidas. Obra galardoada co Premio ao Mellor Espectáculo de Rúa no FETEN 2019.