A Fundación Fernando Blanco entregou as súas becas escolares nun acto cheo de emoción
Fermosa e Emotiva mañá de venres a desenvolvida no salón de actos do IES Fernando Blanco, con motivo da entrega da XII edición dos Premios Fernando Blanco correspondentes ao curso 2022-2023, os cales estiveron organizados conxuntamente pola Fundación Fernando Blanco de Lema e polo IES Fernando Blanco de Cee, e que contan coa colaboración varias firmas comerciais (Abanca, Semáforo de Fisterra, Centro Comercial Finisterrae, Roberto G. Rigaut S.L. (Mapfre Seguros), Compucee, Fersi Papelería, Ler Librerías, Aurora Sport, Cabo Sport, Seguros Costa da Morte, Parques e Xardíns Manuel García e Inforneria).
O acto comezou coa tradicional ofrenda floral no sepulcro do fundador, situado na capela do centro educativo, o cal foi depositado polo alumnado premiado nesta XII Edición como mostra de cariño, admiración e eterna gratitude, e acompañado polos acordes do Himno do Antigo Reino de Galicia interpretado maxistralmente á gaita pola alumna Iria Picallo.
Os discursos da cerimonia correron a cargo de Darío Areas Domínguez (Secretario da Fundación), do alumnado premiado, por parte de Sonia López, Directora do Instituto e de Margarita Lamela, Alcaldesa de Cee, a cal foi a encargada de pechalo evento.
Rouboulle algo de protagonismo ao filántropo o centenario abeto grego que se derrubaba na tarde do martes 17, e do que todos coincidiron en sinalar a perda que supoñía para a vila de Cee.
Os premiados
Os Premios Fernando Blanco están destinadas a agasallar aos mellores expedientes académicos de distintos cursos impartidos no instituto ceense.
As notas dos premiados/as desta edición oscilaron entre o 8,83 e o 10. De feito, era requisito imprescindible para optar a ditos Premios, ter tódalas materias aprobadas en xuño, cunha nota media mínima de 8,5,
Cada un dos Premios está valorado en 500 € (220 € en metálico e 280 € en vales de compra doados polos establecementos colaboradores).
A música da cerimonia estivo a cargo das alumnas Candela, Lucía e Claudia, e dos profesores Sofía e André, que interpretaron “Tu gitana” de Luar na Lubre e “Imagine” de John Lennon.
Os premiados nesta octava edición dos Premios Fernando Blanco foron:
- MANUEL ORAZIO OZÓN ALAIMO (3o ESO)
- CAMILO PABLO RODRÍGUEZ ESPASANDÍN (1o BACHARELATO)
- SONIA BEATRIZ RAMOS MOUZO (MÓDULO II DE EDUCACIÓN PARA PERSOAS ADULTAS)
- BÁRBARA IGLESIAS PÉREZ (1o CICLO MEDIO – XESTIÓN ADMINISTRATIVA)
- PAULA QUINTÁNS PRIETO (1o CICLO SUPERIOR - ADMINISTRACIÓN E FINANZAS)