A gran gala de graduación de Cee consolídase como o gran fito social do ano reunindo a 74 novos titulados e tituladas
Hai citas que traspasan o ámbito estritamente académico para converterse en verdadeiros acontecementos sociais, e a gran gala de graduación do IES Agra Raíces de Cee foi un claro exemplo. O Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee volveu encherse de poder educativo e social.
A data elixida non foi casual: este sábado 6 de xuño, xusto corenta e oito horas despois de concluír as esixentes probas das PAU que remataron o pasado xoves. Trátase do verdadeiro broche de ouro despois de dous anos dun Bacharelato recoñecido como un dos máis prestixiosos e esixentes de toda a contorna. Para moitos dos mozos e das mozas, este acto supón a culminación dunha viaxe moito máis longa de ata seis anos de formación compartida, dende o seu ingreso en primeiro da ESO nas aulas do instituto de Cee, mentres que outras persoas fóronse incorporando progresivamente neste camiño de excelencia.

Máis aló dos expedientes académicos, a organización quixo facer un especial fincapé no papel crucial e indispensable das familias. Os 74 alumnos e alumnas que recibiron as súas bandas e diplomas estiveron sempre arroupadas e o centro quixo agradecerllo, cunha fermosa fotografía colectiva.
Xa no auditorio o estudantado compartiu o estrado cunha nutrida representación do profesorado actual, docentes que deixaron pegada en anos pasados e destacados membros eméritos do claustro, escenificando o orgullo de pertenza e o relevo xeracional dunha institución cuxa traxectoria arrancou no ano 1974. A presente edición, ademais, marcou un antes e un despois ao despedir á primeira promoción da historia do Ciclo Superior Dual en Hixiene Bucodental, que se unirá aos novos técnicos e técnicas do Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermaría (CAE) e aos dous grupos de Bacharelato.
O alumnado no centro

O protagonismo da gala estivo no alumnado. Os catro condutores do evento foron Alex Quintáns Romero (2º de Bacharelato A), Mariam Rhanbouri Chekkouri (2º de Bacharelato B), Xiana Lago Díaz (Ciclo CAE) e Alba Rodríguez Paz (Ciclo CAE).
O director do centro Manuel Antelo Pazos deu a benvida aos grupos de cada aula.
Pola vía de 2º de Bacharelato A, tomaron a palabra Carla Campos García, María Maneiro Salanguera e Leire Zulaica Bascoy.
O grupo de 2º de Bacharelato B estivo representado por Saray Lago Aragón e Raúl París.
En representación do Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermaría (CAE), fixeron valer a súa voz as tamén copresentadoras Xiana Lago Díaz e Alba Rodríguez Paz.
Mentres que o Ciclo Superior Dual en Hixiene Bucodental falou a través de Katia Reyes Castro e Ainhoa Dosil Rodríguez.
Broche de ouro musical e celebración
Tras a solemne imposición de bandas e entrega de diplomas, o acto académico pechouse cun broche de ouro impresionante: a actuación musical en directo de Xián Pais. O compositor de Louro, un dos nomes propios emerxentes máis potentes da escena galega actual, chegaoua Cee en pleno lanzamento de Apóstoles, o seu aclamado e ambicioso novo proxecto, garantindo unha clausura de cerimonia memorable e de enorme calidade artística.
A xornada concluíu fóra do espazo institucional cunha cea de confraternidade entre alumnado e profesorado, previa a unha celebración que continuou por todo o alto, aproveitando a coincidencia coas grandes festas da localidade, no emblemático campo da festa da Pereiriña.
