Histórica concentración en Cee contra os recortes no ensino

Espectacular e exemplarizante demostración de compromiso, e cabreo, o que amosaron esta tarde centos de familia da comarca da Costa da Morte. Tras varias semanas de mobilizacións (como a tamén masiva concentración no Pindo), mesmo de folga (co complicado que supón a conciliación familiar non mandar os nenos á escola), a ANPA do CEIP Vila de Cee convocaba unha cacerolada para esta tarde de venres 4 de outubro.

Máis de 500 persoas, a meirande parte vestidas de luto “por eses mestres que nunca chegaron”, ateigaron a Praza 8 de marzo nunha concentración histórica. As familias de Cee, Brens, Corcubión, Carnota, O Pindo, Sardiñeiro, Fisterra… aparcaron as súas ideas políticas e berráronlle claro á Xunta: “Non aos recortes”.

”Non podemos quedar en silencio ante os recortes”, rezaba o manifesto, deixando claro que “Unha educación pública e de calidade é a base para unha sociedade xusta e igualitaria”. Amosaron o seu rexeitamento á política matemática da Xunta para coas crianzas, “non se trata de números, son o futuro dos nosos fillos e fillas”, en relación á cantidade de docentes e docentes Auxiliares que fan falta para desenvolver clases con normalidade. “Trátase do futuro dos nosos fillos”, reflexionaron en común.

As familias fixeron soar crú cacerolas, silbatos, pandeiretas… e lanzaron arengas como “Familias en loita, no ensino non se recorta” ou “A vila de Cee, queremos un PT”.

Coa resaca de ter protagonizado un fito histórico, unha mobilización como poucas veces se ten visto na Costa da Morte, as familias volveron a casa coa esperanza de que alguén haia escoitando en San Caetano, e acabe decatándose de que a educación non pode basearse en ratios, de que os nenxs non son números.

Máis novas sobre os recortes