As familias da comarca únense nunha gran cacerolada esta tarde en Cee contra os recortes no ensino
- Estér Vázquez Blanco: Tocan tempos de repensar o deteito á educación
Ademais da folga, as familias de Cee e Carnota van protagoniizar este venres 4 de outubro unha nova protesta masiva contra os recortes.
As ANPAS do Cee Vila de Cee e do CEIP de Canota collían o relevo das do Pindo convocando unha folga para o día de hoxe, e non levan ás súas crianzas aos centros educativos. (apenas foron 4 no centro ceense) Unha folga á que se unen as familias do CEIP de Brens, demostrando a preocupación de toda a comarca.
Pero ademais van realizar unha concentración/cacerolada masiva ás 19:00h na Praza 8 de marzo de Cee. Piden ademais ir vestidas de luto polos profes que nunca chegaron.
Xornada histórica de folga
Hoxe o CEIP Vila de Cee viviu unha xornada de folga histórica, na que 300 nenos e nenas non asistiron ás aulas en protesta polos recortes en profesorado que están a poñer en risco a calidade educativa do centro. A ANPA, en representación das familias, lidera esta mobilización cunha mensaxe clara: “En educación non se recorta”. A folga, que contou co apoio masivo da comunidade educativa, busca reverter unhas medidas que consideran "inxustas e prexudiciais para o alumnado".
Un recorte inxustificable
As familias denuncian que, coa eliminación de profesorado de apoio, as necesidades educativas especiais non poderán ser atendidas. “Unha cuarta parte do alumnado necesita ese apoio. Sen el, non só perden os nenos e nenas con necesidades especiais, senón toda a dinámica escolar. Non hai reforzos para os últimos cursos, que son fundamentais para garantir que o alumnado poida superar con éxito a etapa educativa”, comenta unha representante da ANPA.
A situación agrávase co recorte de profesorado especializado en Pedagoxía Terapéutica (PT) e apoio, profesionais que ata agora estaban compartidos con outros centros. A ANPA denuncia que as autoridades educativas decidiron, sen consultar nin entender a realidade do colexio, que "non son necesarios". Segundo as familias, isto deixa o colexio sen recursos clave para a atención personalizada que tanto precisan os nenos e nenas.
Impacto na comunidade educativa
"A folga de hoxe é só o comezo", aseguran lembrando a cacerolada desta tarde, á que acodirán, como esta mañá, vestidas de luto. “Vestímonos de negro porque estamos a lamentar a perda de profesionais que son fundamentais para a educación dos nosos fillos e fillas. É unha forma de simbolizar que estamos en loita e en loito polos dereitos que nos están a arrebatar”, indican dende a ANPA.
A cacerolada tamén busca unir forzas con outras asociacións e diferentes ANPAs da comarca, que xa amosaron o seu apoio á mobilización. "Non estamos sós. Esta loita non é só polo noso colexio, é polo dereito de todo o alumnado galego a recibir unha educación de calidade, sen recortes", recalca un membro do colectivo de familias.
Ademais, contamos co apoio da Federación de ANPAs, outras ANPAs da zona, asociacións de nenos e nenas con necesidades especiais, establecementos locais e o propio Concello de Cee, que se solidarizou coa nosa causa. Esta unidade demostra que a nosa reivindicación non é só local, senón que é un reflexo da preocupación xeral pola calidade da educación na nosa comunidade.
Por que esta loita é necesaria?
As familias non ven outra saída que a mobilización. "Non estamos a pedir máis do que xa tiñamos. Queremos que se restitúan os recursos que o noso colexio necesita para funcionar de forma axeitada. As necesidades non desapareceron, simplemente están a recortarse sen xustificación. Isto afecta a todos os nenos e nenas, non só aos que teñen necesidades educativas especiais. O profesorado non poderá atender debidamente aos seus alumnos e alumnas sen o apoio necesario”, explica unha das nais que participou na organización da folga.
A comunidade alza a voz
A protesta de hoxe é un claro reflexo da unión da comunidade educativa do CEIP Vila de Cee. As familias, mestres e alumnado queren deixar ben claro que non van tolerar máis recortes. “As aulas están baleiras porque nós, as familias, estamos en loita. Queremos berrar ben alto que en educación non se recorta, e non imos parar ata que se restitúan os recursos que os nosos fillos e fillas merecen”, conclúen