Manifestación masiva no Pindo contra os recortes educativos do goberno da Xunta
- A Consellería recuou ante as protestas da comunidaed educativa do centro carnotán, e enviou unha proposta que foi considerada insuficiente polas familias que manterán a folga e non enviarán ás crianzas ao cole por 7º día consecutivo.
Gran demostración no Pindo de que a comunidade educativa ten a posibilidade de mobilizarse con potencia ante os constantes recortes da Xunta no ensino público. Preto de 300 persoas, de toda a comarca, achegáronsé ás portas do centro para secundar a concentración/cacerolada convocada pola ANPA do centro carnotán. Non faltaron entidades como Asociación Paseniño, a Plataforma Reiseñores, ou membros das ANPAS de centros da comarca como os de Cee e Carnota, así representantes políticos de PSOE (nomeadamente os alcaldes e varios membros das corporacións de Carnota e Dumbría) e do BNG (como o deputado Oscar Insua).
E iso que se tratou dunha protesta “apolítica”, na que as familias da comarca deixaron as súas cores gardadas na mesiña de noite e saíron a protestar polos recortes educativos sufridos no centro. En realidade xa levan máis dunha semana de protesta, realizando unha pioneira folga sendo o día de hoxe o 6º día no que as familias non levan ás crianzas ao cole.
Unha medida de presión que tivo os seus primeiros resultados, demostrando o poder social da cidadanía cando sae a protestar, pero non os necesarios para desconvocar a folga.
A Consellería, sabendo a concentración de hoxe e coa folga en marcha, abriu o diálogo co centro, e enviou unha proposta: o centro contará con media praza de Audición e Linguaxe (AL) e 1 hora máis de apoio de Pedagoxia Terapéutica. As familias valoran que é un avance neste aspecto, lamentando en todo caso que haia que chegar a estes extremos para ter unha educación digna. Pero en calquera caso mañá tampouco levarán ás crianzas ao cole porque hai outro asunto clave ao que a Consellería non dá resposta.
Unha das demandas esenciais, é a dotación de Coidadora durante todo o curso, xa que agora mesmo é provisional (ata que se reincorpore un alumno do centro educativo de onde foi trasladada a coidadora). A Consellería limitouse a dicir que “estudarían o caso”, resposta cativa a unha necesidade “innegociable” ante á que as familias non se plegan, e seguirán loitando por este dereito básico. “A comunidade educativa mantense unida e seguen con toda a boa predisposición para chegar a unha solución, que agardan sexa o antes posible!, explican dende a ANPA nun comunicado.
Asi, semella que as familias gañaron a primeria batalla, pero non a guerra, e parece que a cousa continúa.