venres. 07.02.2025
El tiempo

O IES Agra Raíces comeza a celebración do seu 50 aniversario

IES Agra Raices
O IES Agra Raíces comeza a celebración do seu 50 aniversario

Este curso 2024/2025 cúmprese medio século da creación do Instituto de Bacharelato de Cee, do que é herdeiro o IES Agra de Raíces. Con motivo desta importante efeméride o IES Agra de Raíces promoveu unha comisión para programar e organizar diversos actos de celebración e conmemoración.

Actos que pasarán por concursos entre o alumnado do centro para lembrar e celebrar este feito, elaboración de murais nas paredes exteriores relativos á efeméride, diversas charlas e conferencias na Casa da Cultura de Cee coa participación de significados ex-alumnos e ex-alumnas, xornadas lúdicas de portas abertas no centro, e outros.

Xa está en marcha a Comisión organizativa da celebración, formada polo director do IES Agra de Raíces, Manuel Antelo; a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, ex-alumna do centro; a directora do IES Fernando Blanco, Sonia López Bujeiro, ex-alumna e ex-profesora do IES Agra de Raíces; representantes do profesorado; representantes do ex-profesorado e ex-directoras; representantes do ex-alumnado; e representantes do ex-persoal de administración e servizos. 

Repercusión histórica

A posta en marcha do instituto de bacharelato no curso 74/75 tivo unha repercusión enorme en todo o territorio das Comarcas da Terra de Soneira, Fisterra e Muros-Carnota. Foi un factor decisivo na expansión e mellora da educación secundaria, contribuíndo deste xeito a impulsar a economía e a cultura no noso territorio. Foi, tamén un elemento fundamental na mobilización social ascendente, actuando como elevador social, ofertando moitas oportunidades a persoas de extracción humilde e popular para formarse e mellorar as súas condicións económicas e culturais, e acceder a universidade, como antesala de profesionais relevantes na sociedade. No noso centro estudaron futuros ministros, escritoras e escritores, músicos e músicas, enxeñeiras e enxeñeiros, arquitectos e arquitectas, persoas dirixentes ou con postos de moita
responsabilidade en empresas do territorio e estranxeiras (como p. e. Google), médicos e médicas, persoas do ámbito xurídico e xurisdicional..., e moitas outras en diferentes profesións ou con empresas que contribúen ao benestar da sociedade.

Está claro que a importancia do primeiro instituto do noso territorio é fundamental para entender a vida e as dinámicas socio-económicas e socio-culturais do último medio século no noso territorio. As aprendizaxes que podemos tirar disto son necesarias para entender a importancia dun ensino público, gratuíto e de calidade no territorio, como factor de benestar comunitario.

Comentarios