mércores. 26.03.2025
El tiempo

Imputado un veciño de Cee por unha escombreira ilegal nos montes de Dumbría

Imputado un veciño de Cee por unha escombreira ilegal nos montes de Dumbría

A Fotodenuncia sobre unha escombreira na Costa da Morte chega, por unha vez, acompañada de culpables declarados. Axentes da Garda Civil adscritos ao Seprona de Corcubión imputaron antonte a un veciño de Cee como suposto autor da comisión dun delito contra os Recursos Naturais e o Medio Ambiente.

Ao parecer o home estaría eliminando cascallos e residuos potencialmente perigosos nunha especie de espazo situado nunha leira do lugar de Monte Agudo, na parroquia de Bustelo do termo de Dumbría.

Os residuos procedían de distintas obras que o denunciado realizaba pola zona e ademais dos cascallos propios da construción, localizábanse entre eles botes de pintura, disolventes, vernices, amiantos, plásticos, PVC, uralitas, bidóns de aceite, resinas, botes de spray, e calquera outros residuos de produtos utilizados na construción.

Segundo as xestións practicadas polos gardas, o imputado carecía de calquera autorización para xestionar os residuos e os cascallos, así como para utilizar a leira na que os depositaba como vertedoiro, chegando ata as montañas de cascallos a alcanzar nalgúns sitios os sete metros de altura.

Os feitos foron postos en coñecemento do Xulgado de Instrución 2 de Corcubión.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Garda Civil.

Comentarios