Incautan 1000 kg de sardiña descagarda cunha planeadora sen alumeado no peirao de Cee

Sardiña incautada en Cee tras ser introducida nunha planeadora

Nova acción contra o tráfico ilegal de peixe na comarca, unha realidade que está medrando dende o comezo da corentena. Desta volta foron máis de 1000 os kg de sardiña incautados pola Garda Civil introducidos cunha planeadora sen alumeado a pasada noite en Cee, coma se dunha operación de narcotráfico se tratase, como destaca a Garda Civil

 

Pasada a 1:00 da madrugada o Servizo Marítimo da Garda Civil xa notou unha planeadora saír do peirao de Cee cara o centro da ría de Corcubión sen alumeado. Pronto volvía, cargada, e os axentes do Instituto armado despregaron un dispositivo no porto ceense. A planeadora descargara ao chegar 64 caixas de sardiña na rampa da depuradora.

Pero a Garda Civil non conseguiu atopar a planeadora nin a ningunha persoa responsable, o que dá conta da posible rede semellante á utilizada no narcotráfico, de teren varios vixilantes pola zona. Eses sistema de vixilancia sería o que lles permitiu detectar a presencia da Garda Civil, de ai que abandonasen a carga.

O peixe incautado foi trasladado á se do Servizo de Gardacostas da Xunta en Muxía para ser destinado a varios centros benéficos da provincia.

 

ACCIÓNS CONTRA O FURTIVISMO EN CORENTENA