Venres. 19.04.2024
El tiempo

Os percebeiros de Muxía escoltan a súa costa contra a ameaza dos furtivos

Percebe incautado polo vixilante en Muxía
Este pasado sábado o vixilante e varios percebeiros descubriron in fraganti a dous furtivos na zona de Merexo e puideron arrebatarlle os dous kilos que colleran
Os percebeiros de Muxía escoltan a súa costa contra a ameaza dos furtivos

Estes días están de actualidade polo conflito aberto cos bateeiros pola extracción da mexilla, como comprobamos esta semana. Pero o da mexilla é un problema menor para os percebeir@s de toda a comarca, entre eles os de Muxía.

O furtivisimo continúa a ser un dos grandes cabalos de batalla dos mariscador@s. Unha problemática que se acentúa en tempos de crise, como estamos vendo en plena corentena, cando se multiplican os operativos das forzas de seguridade contra os furtivos.

Pero eses operativos oficiais son unha pequena parte do que acontece realmente. Detrás de cada agrupación de percebeir@s hai un duro traballo de control, de vixilancia. Un traballo infravalorado, absolutamente necesario tanto para o mantemento de postos de traballo (son por exemplo 72 os percebeir@s inscritos no pósito muxián) como para o control de especies e o respecto mediomabiental.

Son poucos os vixilantes que teñen contratados as confrarías da zona pola falta de axudas da Xunta de Galicia. En Muxía por exemplo, só hai un, polo que das 168 horas que ten unha semana, apenas 40 estarían cubertas (tendo en conta toda a superficie costeira muxiá). Os percebeir@s piden un vixilante máis para Muxía, pero a Confraría non ten solvencia para asumir o gasto.

Para paliar estas carencias, un grupo de percebeir@s están poñendo horas de vida para acompañar ao vixilante, e demostrarlle aos furtivos (en moitos casos reincidentes) que a costa está protexida aos profesionais. Así ademais, axudan ante as ameazas que soe sufrir o vixilante cando descubre en plena faena a un furtivo.

Esta axuda do vixilante acontece agora que os percebeiros están parados, pero haberá que ver que pasa a partir de xullo, cando volvan ás pedras para traballar.

Cazados

Precisamente, este sábado 22 de maio, ás 11:00h da mañá, o vixilante, acompañado de varios percebeir@s, descubriron “in fraganti” a dous furtivos na zona de Merexo. Era un día de mar, pero os furtivos non necesitaron correr riscos para sacar 2 kilos de percebes. Ao velos, deixaron os sacos nas pedras, e escaparon correndo, meténdose, aínda cos traxes neopreno, nun BMW e saíndo correndo.

Os 2 kilos de percebe, de boa calidade a pesar de que a zona non era moi boa, foron doados a Aspadex.

A denuncia como táctica

A situación chega a ser tan complicada que o vixilante xusto despois da espantada, foi correndo á Garda Civil. Por que? Porque durante a escapada, un dos furtivos, ademais recoñecido como reincidente polos percebeiros, esvarou e mancouse nunha perna, e o vixilante tiña medo que o furtivo o denunciase por unha hipotética agresión.

Unha táctica xa habitual que levan sufrindo vixilantes e percebeiros a costa dos furtivos durante anos. Non hai moito un furtivo rompeuse el mesmo o coche, segundo nos contan os percebeiros, e denunciou ao propio vixilante por agresión, estando o caso pendente de resolución.

Unha situación parecida, secuela da falta de vixilancia na Reserva Mariña dos Miñarzos, levou a un liracho a prisión o pasado ano.

 

Novas relacionadas

Novas sobre percebeiros

Novas sobre a problemática da mexilla

Accións contra o furtivismo en corentena

Comentarios