Venres. 29.03.2024
El tiempo

Letras Galegas: Dúas obras de teatro e unha mostra para lembrar, dende Cee, a Xela Arias

letras galegas en Cee 2021
Letras Galegas: Dúas obras de teatro e unha mostra para lembrar, dende Cee, a Xela Arias

O Departamento de Cultura de Cee repasa a vida de Xela Arias Castaño (Lugo, 1962 - Vigo, 2003) co gallo do Día das Letras Galegas a Xela Arias. Faino con dúas obras de teatro e unha exposición que estará do 10 ó 28 de maio na Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán. Estará formada por diversos carteis informativos editados pola Secretaría Xeral de Politica Lingüística da Xunta de Galicia e libros do fondo bibliográfico da propia biblioteca ceense.

”Con esta elección recoñécese tamén a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora. Prestou a súa voz en mobilizacións cívicas —coma as que se produciron tras a marea negra do Prestige— e tomou sempre posición a favor da lingua galega, non só como poeta. Como parte do equipo de Edicións Xerais, onde traballou dende 1980 a 1996, contribuíu ao proceso de fixación da norma do galego. Fíxoo como correctora de estilo e editora, e tamén ao iniciar nos anos 80 un labor pioneiro no mundo da tradución, un eido poucas veces recoñecido, pero que neste 2021 tamén será homenaxeado na súa figura”, afirma Víctor Castiñeira.

Programación no Auditorio Baldomero Cores

A Casa da Cultura acolle o venres 14 de maio (18.00 horas) a obra “Senlleiras: as mulleres das Letras”, que conta a historia de cinco mulleres "senlleiras" serán as protagonistas deste percorrido escénico pola literatura galega: Rosalía de Castro, Xela Arias, Francisca Herrera, María Mariño e María Victoria Moreno. O espectáculo está protagonizado por Pedro Brandariz.
De seguido terá lugar a entrega dos premios dos concursos que cada ano convoca a Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán: XXX Concurso Achegamento ó Libro e Na procura do noso XVII Marca-páxinas.

O sábado 15 de maio (20.30 horas), Sarabela Teatro trae a “A lingua das bolboretas” (Recomendada + 12 anos), con Fran Lareu, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Lago, Josio Porto, César Goldi e Elena Siejo, adaptando a obra de Manuel Rivas.

Comentarios