Venres. 29.03.2024
El tiempo

Marcela Riera, de Ler Librerías: "O libro infantil, en galego, triunfa moito, ten algo que o fai especial, tal vez sexa a sonoridade das palabras"

Seguimos coa nosa serie de visitas polas librerías da Costa da Morte e hoxe falamos con Marcela Riera, dependenta dende o ano 2017 en Ler Librarías Cee. Situada na Avenida Fernando Blanco, 27, achegámonos a Cee, para coñecer máis desta fermosa libraría.
Marcela Riera na Libreria Ler de Cee
Marcela Riera na Librería Ler de Cee
Marcela Riera, de Ler Librerías: "O libro infantil, en galego, triunfa moito, ten algo que o fai especial, tal vez sexa a sonoridade das palabras"
  • A.G.R.: Cando nace a actual Ler Libraría Cee?

En 2017, cando xa levaban varios anos ao fronte da libraría, Lola e Pepe, os propietarios, vanse vivir fóra da Costa da Morte. En xuño de 2017 Isabel Ares, que é a propietaria da franquicia, faise cargo da tenda da 15. Neste mesmo mes, imos celebrar o noso cuarto aniversario. En 2017, empezo a traballar na libraría como dependenta. Antes traballaba levando a comunicación da librería de Lola e Pepe: preparando eventos, vídeos, xestión de redes sociais…

 
  • A.G.R.: De onde vén a túa paixón polos libros?

Xa de antes me gustaban os libros pero cando empecei a traballar con Lola e con Pepe comecei a velos doutra maneira. Son licenciada en Historia da Arte pero posteriormente formeime en materias como bibloteconomía ou arquivística, onde a presenza dos libros é esencial. Dun modo ou outro sempre estiven vencellada aos libros. É certo que agora non traballo con libros antigos, senón con libros modernos pero a esencia é a mesma. Dentro dos libros sempre vas poder atopar outras experiencias, son unha porta aberta a novas realidades.

 
  • A.G.R.: En que dirías que se diferencia Ler Libraría dunha libraría convencional? Que produtos ofertades a maiores?

Ler Librarías Cee non é a típica libraría con moitísimas obras que podes atopar en grandes cidades. Non é a grande, pero temos un fondo que tratamos de coidar moito, especialmente a sección de narrativa. É certo que sempre tentamos ter os últimos best seller, pero na sección de narrativa para adultos tamén contamos con libros moito máis difíciles de atopar. Cabe destacar que a nosa libraría está especializada en libro infantil en galego. Sen embargo, non se edita tanto como nos gustaría. O libro infantil, en galego, triunfa moito, ten algo que o fai especial, tal vez sexa a sonoridade das palabras. Ademais os nenos son moi agradecidos e sempre veñen contar que libros dos que levaron lles gustaron máis ou menos. O contacto non só cos pais senón cos profesores fainos facer novas lecturas, aprezar os contidos e sabes transmitilos cando veñen a comprar.
Contamos tamén cunha sección de manga, cómic xaponés. Na nosa tenda sempre está presente, dende os máis clásicos ou comerciais como Dragon Ball ou Pokemon a comics descoñecidos para o gran público. A maiores traballamos moito o xogo didáctico, dende puzzles ata xogos de construcción ou de preguntas. Outra das patas da libraría é a papelería, tanto escolar como de oficina.

 
  • A.G.R.: Tamén tedes tenda online, dirías que o público prefire visitar a tenda ou mercar online? Xogou un papel importante a tenda online durante os peches perimetrais?

Máis que mediante a páxina web, contactaban connosco a través de redes sociais e chamadas telefónicas. Poñíanse en contacto con nós e nós encargabámosnos de facérllelo chegar. Fixemos moito envío a domicilio tanto mediante empresas de mensaxería como nós mesmos achegando libros e material ás zonas máis próximas. Os libros fixéronnos moitísima compañía para todas esas longas horas que pasamos na casa.

 
  • A.G.R.: Tedes moi boas opinións e valoracións por parte dos vosos compradores. Que dirías que é o que máis valora a vosa clientela?

Estamos moi agradecidos polo ben que nos tratan os nosos clientes. O que máis valoran a atención que prestamos. Tratamos de estar ao día informarnos sobre todo o que traballamos para poder ofrecerlle o mellor servizo. Valoran vir por un libro para regalo e, coa pouca información que traen sobre os gustos literarios da persoa en concreto, que nos atopemos ese libro que vai enganchar ao seu destinatario.

 
  • A.G.R.: Cal diriades que é a presenza de libros en galego nas estanterías dos máis pequenos? E dos adultos?

Non é tanto como nos gustaría, non porque non se vendan senón porque, como che comentaba, non se edita todo o que se edita en castelán. A gran maioría de publicacións segue a ser en castelán. Aínda así é maior a presenza de libros en galego nas estanterías dos máis pequenos que na dos adultos, pese a que estes teñen ampla variedade de títulos en galego entre os que escoller.

 
  • A.G.R.: Actualmente contades con algún proxecto que poidas compartir con nós, no que che gustase especialmente participar?

Na libraría botamos moito de menos facer presentacións con autores locais. O pasado sábado no Bela Fisterra tivemos a sorte de asistir á presentación de Nación Mar, de Xosé Iglesias. Contamos con grandes autores locais que publican, como son Suso Baamonde, María Lado, Rocío Leira... Estamos desexando poder ofrecerlle o noso espazo ou poder estar onde eles alá onde eles vaian a presentar a súa obra.

 
  • A.G.R.: Algunha recomendacións literaria para este mes de xuño?

Agora mesmo estou a ler “El alma de las piedras”, de Paloma Sánchez-Guernica e como a min me encanta a novela histórica estame a gustar moito. Historia que empeza no século IX.a.C e que fala dos segresos do camiño de Santiago. Está moi ben documentada, creo que non me vai defraudar.

 

Outras Novas sobre Libros

Comentarios