Mar de Fábula únese aos centros de ensino na loita contra os plásticos mariños
A Asociación Mar de Fábula arrincou a súa serie das 15 accións ambientais con centros de ensino da comarca a través dun proxecto financiado pola Deputación. Se ben a meirande parte delas fanse en Camelle, no areal e nas instalacións da entidade, desta volta fíxoo en Cee, con 40 escolares de 1º e 2º ESO do IES Fernando Blanco, que fixeron unha completa limpeza da praia da Concha.
Tod@s apañaron catro sacos grandes de 100 litros consegundo que o lixo plástico apañado nunca máis volva ao mar. Desta volta, por mor do nordés, non puideron realizar o traballo de caracterización do liño apañado e poder comparar o resultado coa limpeza realizada xusto hai un ano.
A praia da Concha, vertedoiro natural
”Malia o esforzo do concello por manter limpo este areal, situado no centro da vila e a poucos metros dun hospital, co uso frecuente dunha pala mecánica para limpala, o único que consigue a maquinaria é retirar o lixo grande ao tempo que esmaga e mestura o pequeno na area. Esta praia é tributatria da súa situación xeográfica e dos ventos e as correntes mariñas que empurran o lixo plástico cara ao fondo da ría. Isto fai que este areal sexa un dos máis contaminados de Galicia xunto coa praia de Bens na Coruña, agora adicada aos cans”, explican dende a entidade. “Ambos os dous areais son receptores do fluxo continuo de residuos hixiénico-sanitarios xerados polo mal funcionamento das redes de saneamento e da achega sen fin do lixo plástico miudo que nos devolve o mar”.