Marcos Rodríguez asina un dos fitos máis sólidos da súa traxectoria profesional
Mira que leva galardóns, pero para que asegure que este é "un dos fitos máis sólidos da súa traxectoria profesional" ten que ser importante. Marcos Rodríguez vén de ser distinguido por segunda vez co recoñecemento á Calidade Fotográfica no marco das Calificacións 2026 da Federación Española de Profesionales de la Fotografía (FEPFI), celebradas a pasada semana na Coruña.
O certame, organizado este ano pola Deputación da Coruña, tivo lugar no Hotel Ática 21, culminando coa Cea de Gala celebrada o 22 de febreiro no NH Collection Finisterre, onde se expuxeron as obras seleccionadas para a Colección de Honor, o conxunto de traballos que representa oficialmente á federación ao longo de todo o ano.
A organización contou co impulso institucional da Deputación da Coruña, sendo Xosé Regueira, vicepresidente da institución provincial, o responsable da área desde a que se desenvolveu o certame.
Nesta edición, oito fotografías de fotógrafo carballés afincado en Cee obtiveron Mérito e tres delas foron seleccionadas para formar parte da Colección de Honor, o máximo recoñecemento outorgado por FEPFI. En total, o autor acadou 11 méritos nunha soa convocatoria, unha cifra excepcional na súa traxectoria profesional. Aínda que o regulamento establece un máximo de oito méritos computables por ano, o resultado evidencia a solidez, a coherencia e o nivel de excelencia do seu traballo.
A Estatuíña á Calidade Fotográfica concédese a aqueles autores que durante tres calificacións consecutivas ou cinco alternas mantiveron obras na Colección de Honor. Trátase da segunda ocasión na que Marcos Rodríguez obtén esta distinción, consolidando unha traxectoria marcada polo recoñecemento sostido no tempo e pola regularidade nos principais foros de valoración profesional.
No mesmo acto, a Asociación Galega de Fotógrafos Profesionais (Asfogal) foi distinguida como a asociación con maior participación nas Calificacións 2026. O diploma foi recollido por Marcos Rodríguez en calidade de presidente da entidade, cargo que exerce desde a súa fundación, reforzando o papel activo de Asfogal na promoción e defensa da fotografía profesional en Galicia. Tras ter acadado as distincións de fotógrafo Distinguido, Mestre Fotógrafo e Mestre Fotógrafo.
A polo Mestre Prisma
Instructor, ademais de ter sido recoñecido como Especialista en distintas disciplinas, Marcos Rodríguez afronta agora unha nova etapa profesional orientada á consecución do título de Mestre Fotógrafo Prisma, unha figura de recente creación que comeza a concederse a partir das Calificacións 2026 e que recoñece aos autores que continúan acreditando a súa excelencia mediante a acumulación sostida de méritos por convocatoria.
Ademais, na segunda semana de marzo o fotógrafo participará no Certame de Qualificações da APP Imagem (Portugal), onde xa ostenta os títulos de Fotógrafo Distinguido e Mestre Fotógrafo Internacional, reforzando así a súa presenza no ámbito europeo.
Con estes resultados, Marcos Rodríguez reafirma unha traxectoria de proxección europea, respaldada por unha presenza constante nos principais certames internacionais, entre eles a medalla de prata na World Photographic Cup, celebrada en Montpellier, e as tres Cámaras de Ouro a Mellor Fotógrafo Europeo do Ano, obtidas en certames celebrados en Sicilia, Irlanda e Austria, situándose entre os autores máis recoñecidos do panorama fotográfico contemporáneo.