Marcos Rodríguez lanza a segunda edición do seu libro "Finis Terrae"

Tras esgotar a primeira edición, o fotógrafo máis laureado da Costa da Morte pon en marcha a segunda edición de Finis Terrae, un libro que recolle unha selección de imaxes tomadas na Costa da Morte ao longo de varios anos de traballo.
O proxecto, que na súa primeira edición tivo unha gran acollida entre o público, volve agora a ver a luz grazas ao interese suscitado en concellos, entidades e particulares que apostaron por facerse con novos exemplares. Nesta segunda edición, do mesmo xeito que na primeira, a edición corre a cargo da Editorial Canela.
Finis Terrae é o resultado dun traballo pausado, de observación e de vínculo cun territorio que marcou a traxectoria fotográfica de Marcos Rodríguez. A Costa da Morte, coa súa paisaxe, a súa xente e a súa atmosfera, é o fío condutor dunha obra que vai máis aló do simple rexistro documental, buscando unha mirada honesta, emocional e respectuosa coa contorna e os seus protagonistas.
A reserva anticipada de exemplares xa está dispoñible a través da páxina web do autor.