Mércores. 11.12.2019
El tiempo

O Mes da Fundación cambia naufraxios por contos

Fernando Patricio Cortizos falou de naufraxios en Cee-Foto-Rafa Quintans
Fernando Patricio Cortizos falou de naufraxios en Cee-Foto-Rafa Quintans
O Mes da Fundación cambia naufraxios por contos

Segue a pleno rendemento O Mes da Fundación Fernando Blanco, este ano trasladado a novembro.

Ademais das actividades escolares, este pasado sábado 9 de novembro abrían as actividades para adultos, non sen antes inaugurar o programa coa tradicional ofrenda floral e misa na honra de Fernando Blanco de Lema, xunto co profesorado, alumnado e persoal do Instituto Fernando Blanco de Cee, e oficiada polo párroco de Santa María da Xunqueira e integrante do Padroado, Desire Kouakou. Un evento moi emotivo, amenizado pola formación musical Madrigalia G&Mm que acompañou a ofrenda cos acordes do Himno do Antigo Reino de Galicia, interpretado á gaita por Fran Cives.

As alumnas Tina, Laura e Alejandra, merecedoras das Becas Fernando Blanco aos mellores expedientes do pasado curso, foron as encargadas de depositar o ramo na tomba do mecenas. “Foi un acto sinxelo pero xusto ao cariño, admiración, respeto e gratitude que sentimos polo fundador dun dos institutos máis antigos e admirados da nosa terra”, explica Darío Areas, Secretario da Fundación.

Ofrenda Floral no Mes da Fundacion Fernando Blanco de Cee-Foto-Rafa QuintansOfrenda Floral no Mes da Fundacion Fernando Blanco de Cee-Foto-Rafa Quintans

De seguido, a actividade trasladouse á Casa da Cultura, onde tiña lugar a conferencia de Fernando Patricio Cortizo sobre o patrimonio inmaterial da historia dos naufraxios da Costa da Morte. O técnico especialista en cultivos mariños, ademáis de recoñecido historiador naval e actual presidente da A. C. Naufraxios Galegos, unha entidade nacida para poñer en valor a gran historia naval e o inabarcable patrimonio marítimo do noso país, co obxectivo de achegar á sociedade este inmenso tesouro cultural, o cal aínda reserva moitos segredos e episodios descoñecidos.
Fernando participou en numerosas publicacións, reportaxes en medios de comunicación relevantes, conferencias e programas de radio tratando, sobre todo, temas relacionados cos naufraxios na costa galega. A fotografía tamén é unha das súas paixóns, destacando a súa exposición fotográfica “Galiza: terra e mar”, a cal consta de tres coleccións: “Ferrolterra e Ortegal”; “Costa da Morte”; e “Atlántida de Breogán”. Recibiu ademáis, no ano 2007, o 2º Premio na XV Edición do Concurso Fotográfico Ramón Caamaño Bentín.

Na conferencia fixo un repaso pola historia marítima da Costa da Morte, acotou a súa franxa litoral xeográficamente, e falou dalgúns dos seus naufraxios máis tristemente famosos. Todo isto enfocado ao nacemento de moita toponimia mariñeira, e de moitas historias, contos e lendas, conservados nas memorias dos habitantes das nosas aldeas e pobos mariñeiros, que enriquecen dito patrimonio e memoria popular.

Vindeiras citas

Este xoves 14 de novembro, na Casa da Cultura de Cee terá lugar a actuación de David Merelas “Mere Clown” , chamada “A verdadeira historia de Hamelín”, unha sesión circense, con malabares e moitas risas para o lumnado de 3º e 4º de Primaria.

Ademais, o sábado 16 novembro, ás 20:30 horas, a Casa Cultura Cee acolle a sesión de contos "Contar”, con historias de tradicion oral da man de Celso Fernández Sanmartín, un dos mellores “contadores” de Galicia.

Novas relacionads

Comentarios