”Os nosos fillos e fillas non teñen culpa dos erros nin das decisións administrativas"

Non lles chega ás familias do CEIP Vila de Cee coas mobilizacións contra os recortes pola falta de profesorado de apoio, senón que agora sofren unha situación “insólita”, “preocupante e desconcertante”, que perxudica directamente á estabilidade das súas crianzas. Un cambio de opinión, aprobado tarde e mal por parte de Inspección Educativa, provoca que o alumnado da aula de 1ªB de Educación Primaria sufra un cambio de titora despois dun mes de clase. Xa é un paso complicado para as crianzas a transición de Infantil a Primaria, a nivel emocional, psicolóxico e educativo, como para que lle cambien á titora despois dun mes
”Os nosos fillos e fillas non teñen culpa dos erros nin das decisións administrativas que poidan terse cometido”, denuncian as familias da aula, que piden á Inspección Educativa que rectifique, unha vez que este venres recibiron un Abalar (o sistema de mensaxería oficial da Xuntautilizada polos centros educativos), no que lles indicaba que as crianzas ían cambiar de titora.
A circunstancia dase porque unha das docentes, con todo o seu dereito (as familias queren destacar que non van en contra dos seus dereitos nin da súa decisión), solicitou escoller aula con prioridade. Inspección tardou un mes en resolver a petición, aceptando esta semana o seu recurso, provocando este cambio de titorías entre 1º e 4º despois dun mes de clase.
As familias denuncian este tardío cambio de decisión por parte da Consellería, e lamentan que “a noticia chegou primeiro por rumores e de forma non oficial, e só despois se confirmou pola dirección, incluso con mensaxes de despedida da mestra o mesmo día”. “Todo isto xerou confusión, tristeza e incerteza, tanto nas familias como nos nenos e nenas, que estaban en pleno proceso de adaptación á súa nova etapa escolar” explican solicitando “respecto, transparencia, claridade e estabilidade para os nosos fillos e fillas, e para todas as familias que confiamos na escola pública”.
As familia critican que todo se decide “sen ter en conta o impacto emocional nos pequenos”, que “merecen estabilidade, agarimo e un entorno de confianza que lles axude a adaptarse con seguridade”.
Por todo iso, solicitan “unha reunión urxente coa dirección do centro e coa Inspección Educativa, e pedimos acceso á documentación do proceso de adscrición para entender que pasou e como se tomou esta decisión”.