“Nunha semana de intercambio aprenden máis que en 4 anos na aula”


Saltou algunha bágoa esta mañá de xoves. Porque unha semana de convivencia dá para moito. Para moitos sentimentos, pero sobre todo, para aprender moito máis que 4 anos de aprendizaxe nas aulas ao verse obrigados a usar a lingua estranxeira que levan anos estudando. Así o entende Elena Martínez, a mestra de francés do IES Agra Raíces, que durante esta semana está coidando xunto con Isabel Garea, o grupo de intercambio francés que ten pasado unha semana na Costa da Morte.
”Cada 2-3 anos, sempre intentamos organizar estes intercambios, porque consideramos que é unha forma estupenda de que eles coñezan a cultura francesa e practiquen o idioma”, comenta Elena. Así, despois desta primeira visita dos franceses á nosa casa, os ceenses emprenderán viaxe cara Francia o 29 de marzo, para pasar unha semana ata o 6 de abril e poñer en práctica todo o aprendido ata agora. Como fan os franceses con ese español que levan estudando dende 1º da ESO.
Este é o primeiro ano que o instituto ceense comparte experiencias con este centro da Bretaña Francesa, concretamente do lugar de Redon, unha pequena vila de 9.000 habitantes moi semellante á nosa comarca. Ademais, aproveitarán a viaxe para pasar un par de días en París, unha visita obrigada.

Moitas experiencias
Son moitas as cousas que pasan durante estes días para os os 28 alumnos franceses e os ceenses. Con 15-16 anos, facer novos amigos e mesmo entablar relacións emocionais é o máis normal. “Están encantados, sorprendidos polo moito que comemos, e polo moito que pode chover”, i é que a verdade é mala sorte que despois do inverno que levamos collesen a semana do primeiro temporal…
”As familias “adoptivas” estanse portando xenial, coma sempre, e xa os levaron de excursión a ver Muxía, Fisterra… e outros puntos da zona. Con nós xa fumos todos xuntos ata Muros, Carnota, O Ézaro, A Coruña e mesmo a Santiago. Están pasándoo de medo”.
Agora toca manter contacto a través do whatsapp e as redes sociais, e esperar a finais de marzo, para poder volver ver eses novos amigos e para practicar a lingua francesa.




Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).